Teresa Portela acaricia a medalla en Duisburgo ao quedar cuarta en K-1 200 metros
Por Redacción
Teresa Portela volveu quedar ás portas dunha medalla. Este domingo chegou a acariciar o podio nos campionatos do mundo de piragüismo que se disputan en Duisburgo (Alemaña), pero clasificouse cuarta.
A padexeira de Cangas clasificouse para a final feminina de K-1 200, pero finalmente quedou en cuarta posición. Fíxoo cun tempo de 40.246 e situouse a tan só tres décimas do bronce. O ouro levouno a actual campioa do mundo, a neozelandesa Lisa Carrington. A prata foi para a polaca Marta Walczykiewicz e o bronce para a eslovena Spela Ponomarenko.
Un pouco máis lonxe do podio quedouse Adrián Sieiro, quinto na final de relevos C-1 co combinado de catro no que estaba acompañado dos tamén galegos André Oliveira e José Luis Bouza e o mallorquino Sete Benavides.
Adrián Sieiro e André Oliveira competiron tamén este domingo nas finais B de 200 metros. Quedaron nunha segunda posición, compartida con Lituania, o que significa unha máis que digna undécima posición mundial para a C-2 dos canoístas galegos.
Tono Campos é o terceiro pontevedrés que chegou este domingo con opción de medalla ás finais en Duisburgo. O grovense quedou décimo no C-1 5.000 metros cun tempo de 23:43.011, moi lonxe da loita polos metais.
A representación local neste Mundial de Duisburgo completouse coa padexeira Raquel Rodríguez, do Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra. No seu primeiro campionato do mundo rematou nunha meritoria oitava praza na proba de C-2 500 metros, na que compartía embarcación con Patricia Coco.
Relacionadas:
-
Teresa Portela e Tono Campos clasifícanse para as finais do Mundial de Piragüismo de Duisburgo
Por Redacción |
-
Xornada positiva para os padexeiros galegos no Mundial de piragüismo de Duisburgo
Por Diego Espiño |
-
Teresa Portela, Adrián Sieiro, Raquel Rodríguez, Tono Campos e Diego Romero, rumbo a Duisburgo para o Mundial de piragüismo
Por Redacción |