Unha pretempada solvente avala o Pontevedra ante o inicio da Segunda B
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol é, para a maioría de rivais e analistas, un dos máximos favoritos a pelexar polos primeiros postos do Subgrupo 1-A da Segunda División B, unha sensación por plantel que parece confirmar o bloque dirixido por Jesús Ramos despois de completar unha solvente pretempada.
Con menos amigables do habitual, os granates sumaron catro vitorias (Coruxo, Celta B, Estradense e Compostela) encaixando unha única derrota, fronte ao poderoso Deportivo (1-2) e deixando gratas sensacións, xa que só caeu nos últimos minutos en accións a balón parado e xogando cun home menos pola expulsión de Charles. Trátase ademais dunha vara de medir bastante fiable, xa que catro deses rivais corresponden a equipos da mesma categoría e grupo, e só o Estradense milita un banzo por baixo, na Terceira División.
Pero, que fixeron o resto de equipos durante a época de preparación?
RACING DE FERROL
Empezando polo que será o primeiro rival en liga do Pontevedra, o Racing de Ferrol (próximo domingo 18 ás 17.00 horas na Malata), o conxunto verde chegará á estrea ligueira con máis dúbidas. É outro dos planteis que aspira ao ascenso, pero despois dunha profunda renovación e chegada de futbolistas case ao peche do prazo semella un equipo aínda en construción.
O cadro ferrolán vén de caer en Copa Federación ante o Tenisca canario, da Terceira División, na prórroga e tras ver como lle remontaban un 0-2 ao seu favor. Antes dese encontro, só un rival de Segunda B mediu o seu nivel, o Coruxo, cun empate (1-1). A súa pretempada complétase cun triunfo fronte ao Rácing Villalbés e un empate sen goles contra o filial do Lugo, o Polvorín.
REAL CLUB DEPORTIVO
Por plantel e sen dúbida, o rival para bater, aínda que a súa pretempada estivo chea de luces e sombras. O seu mellor momento foi a vitoria en Pasarón, a pesar de verse sometido polos granates durante boa parte do choque.
Só outro equipo da Segunda B figura entre os seus amigables, nun partido que terminou con derrota fronte ao Valladolid Promesas (0-2). Ademais os branquiazuis venceron o Racing Villalbés (0-3) e Arzúa (5-0) e asinaron un empate ante o Bergantiños (0-0). A súa adaptación ao fútbol de bronce preséntase como unha das claves para os de Fernando Vázquez nunha liga na que penalizará cada tropezo.
CORUXO
A súa gran tempada pasada, sendo quinto no momento da suspensión da liga, coloca para moitos ao Coruxo nun segundo pelotón de equipos que pode dar a sorpresa. Os seus resultados polo momento non foron, iso si, demasiado positivos, con só dous triunfos fronte a equipos de inferior categoría como o Arzúa (2-0) e o Choco (2-1).
Ademais os do Vao cederon ante o Pontevedra, o Compostela (2-0) e o Arenteiro de Terceira División (2-3), empatando contra o Racing de Ferrol (1-1).
SD COMPOSTELA
Os santiagueses regresan á Segunda B cheos de ilusión e cun proxecto continuísta que seguro vai resultar competitivo. Nos seus resultados, dispares, pódense atopar dúas vitorias (Estradense e Coruxo), un empate (Fabril) e dúas derrotas (Pontevedra e Arenteiro).
CELTA B
O filial celtista é un equipo en reconstrución, no que apenas repiten futbolistas. Apenas mediu o seu nivel ante equipos similares, e é que na súa preparación só aparece o Pontevedra (derrota por 2-3) como equipo da súa mesma categoría. Dúas goleadas fronte ao Arosa (5-1 e 1-4), un triunfo ante o Atios (1-2) e un empate contra o Arenteiro (2-2) completan os amigables dos de Onésimo.
ZAMORA
Deixando aos equipos galegos destaca a preparación dun recentemente ascendido como o Zamora, que non perdeu esta pretempada con resultados destacados como un empate ante a Cultural Leonesa ou triunfos ante o Guijuelo e o Sporting B. Ademais gañou o Benavente e empatou contra o Laredo e o Valladolid B.
GUIJUELO
O conxunto chacineiro é o que máis encontros amigables disputou, ata unha decena, cun balance de 5 vitorias, 3 empates e 2 derrotas.
Entre os seus resultados destacados aparece un triunfo ante o recentemente descendido Extremadura (2-1). Ademais gañou á UD Sanse, Peñaranda, Coria e Ciudad Rodrigo. Os empates pola súa banda chegaron en partidos fronte a Inter de Madrid, Valladolid B e Oviedo B, sendo as súas únicas derrotas ante Zamora e Segoviana.
UNIONISTAS DE SALAMANCA
Solvente foi a pretempada de Unionistas de Salamanca, só emborronada pola súa eliminación na Copa Federación a pasada fin de semana, ao caer na prórroga ante Las Rozas.
Antes deles o equipo salmantino non encaixara derrotas, cunha vitoria de prestixio no campo dun dos favoritos do Subgrupo 1- B como o Burgos (0-1). Ademais venceron a Atlético Astorga, UD Santa Marta, Arandina e Móstoles e empatado nun triangular ante Atlético de Madrid B e Valladolid Promesas.
SALAMANCA CF UDS
O outro club salmantino sexa quizais o que chega ao comezo da liga con maiores dúbidas. Sendo un proxecto deseñado para asomarse aos postos de privilexio, só sumaron un triunfo durante toda a súa preparación no duelo ante o Ciudad Rodrigo.
Xunto a ese resultado figuran empates ante Rayo Majadahonda e Atlético Astorga e derrotas fronte ao Atlético de Madrid B e Las Rozas, esta última supoñendo a súa eliminación da Copa Federación.
Relacionadas:
-
Tres puntos para comezar. Un sólido Pontevedra inicia a liga cunha traballada vitoria en Ferrol
Por Raúl Salgado |
-
Emilio Larraz, adestrador do Racing de Ferrol: "O Pontevedra fixo un moi bo plantel, igual que nós"
Por Diego Espiño |
-
Jesús Ramos ve o Pontevedra "preparado para competir" e con ganas de "traer os tres puntos" de Ferrol
Por Diego Espiño |
-
Sanidade segue sen autorizar a presenza de máis de 1.000 espectadores nos campos de Segunda B
Por Diego Espiño |
-
Un gol de Rufo dá a vitoria ao Pontevedra no último test de pretempada fronte ao Compostela (1-0)
Por Almu Dapena |
-
Lupe Murillo, sobre os obxectivos do Pontevedra: "Aspiramos a todo"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra presenta a súa esperada campaña de abonados coa idea de que "todos los socios entren en Pasarón"
Por Diego Espiño |
-
Jesús Ramos: "Voume con moi boas sensacións. Plantámoslle cara de tu a tu ao Deportivo"
Por Diego Espiño |
-
Enganosa derrota ante o Deportivo dun bo Pontevedra (1-2)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Final de mercado sen sorpresas no Pontevedra e mirando cara a casa
Por Diego Espiño |