Jesús Ramos: "Voume con moi boas sensacións. Plantámoslle cara de tu a tu ao Deportivo"
Por Diego Espiño
A derrota fronte ao Deportivo non amargou a mañá ao adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Jesús Ramos, moi satisfeito do rendemento ofrecido polo seu equipo sobre o terreo de xogo a apenas 10 días de que de comezo a liga na Segunda División B.
"A verdade creo que foi un bo partido, de tu a tu ata a expulsión", analizou Ramos a preguntas dos xornalistas. "Despois fomos capaces de meter un gol ao contragolpe pero logo sufrimos un pouco máis debido aos cambios e á inferioridade numérica, pero a verdade que me vou con moi boas sensacións. Plantámoslle cara de tu a tu ao Deportivo", sinalou.
Ao técnico granate gustoulle especialmente "a agresividade, a verticalidade coa que xogamos o partido" xa que "houbo fases do partido nas que fomos capaces de combinar e sen balón estivemos moi ben en transicións defensivas. Fomos bastante sólidos, capaces de apertarlles e roubar en campo contrario". Por todo iso para Ramos foi "un partido moi completo a verdade para ser pretempada".
O preparador do equipo pontevedrés non se mostrou preocupado polas ocasións falladas, porque "xa serán capaces de metelas en partidos de liga", aínda que recoñeceu que falta aínda coller un pouco máis de ritmo de competición para aguantar os partidos ao completo: "É verdade que para 90 minutos se cadra non estamos, non xogamos tanto partidos pero si tivemos máis sesións para preparar ao equipo e a verdade que me vou moi contento", explicou.
Tras esta cita o Pontevedra céntrase xa no seu seguinte amigable, o vindeiro sábado 10 de outubro fronte ao Compostela (Estadio Vero Boquete San Lázaro), un encontro "igual de importante e que nos vai a valer para evolucionar".