Antía Jácome e Antía Otero reciben o apoio do Concello e xa pensan no seu próximo obxectivo, o Preolímpico
Por Diego Espiño
O seu recente triunfo na Copa do Mundo Sprint celebrada en Hungría, única gran competición internacional da tempada, confirmou a Antía Jácome e Antía Otero como dúas das grandes promesas do piragüismo pontevedrés, galego e nacional.
As deportistas da EP Ciudad de Pontevedra, que colgaron a medalla de ouro en Hungría na proba de C-2 200 metros, foron protagonistas este venres dunha merecida homenaxe do Concello de Pontevedra, ao ser recibidas polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Deportes, Tino Fernández.
"Estamos moi contentas de que nos recibisen", sinalou Jácome sobre o acto celebrado no Teatro Principal, xa que tal e como completou a súa compañeira Antía Otero "supón unha motivación para volver empezar a adestrar".
Otero e Jácome teñen previsto agora descansar para volver ao traballo o próximo día 12. Farano co único obxectivo de "preparar o Preolímpico", recoñecen con esperanzas de poder pelexar polas últimas prazas dispoñibles para os Xogos de Tokyo.
"Estamos preto de poder conseguir unha participación pontevedresa nos Xogos", animou na súa intervención o alcalde sinalando que é algo que "nos enche de orgullo a todos os pontevedreses".
Pola súa banda o concelleiro de Deportes quixo resaltar a importancia do piragüismo como "deporte estratéxico" na cidade, xa que " detras delas hai unha canteira inesgotable que esperemos acade moitos éxitos".
Relacionadas:
-
Estrea para a tempada de piragüismo co VI Trofeo Internacional Rías Baixas no Pontillón
Por Redacción |
-
A piragüista Antía Otero recibe o apoio do Concello de Marín
Por Redacción |
-
Antía Jácome e Antía Otero vencen na Copa do Mundo en Hungría
Por Almu Dapena |
-
As dúas Antías da EP Cidade de Pontevedra desembarcan en Hungría para afrontar o reto máis importante do ano
Por Manu Otero |
-
Acento pontevedrés no equipo nacional de piragüismo do Centro de Alto Rendemento de Sevilla
Por Redacción |