Adrián Sieiro, clasificado para a Copa do Mundo de Sprint que se celebrará en Hungría
Por Redacción
O padeeiro Adrián Sieiro, do Club Piragüismo Poio, participou no test clasificatorio para a Copa do Mundo de Sprint celebrado no Pontillón do Castro, en Verducido, esta fin de semana.
Xunto co seu compañeiro de C2 1000, Cayetano García do Náutico de Sevilla, Sieiro fíxose cunha primeira posición cun tempo de 3 minutos 42 segundos que lle dá o pase para representar á Selección Española de Piragüismo na Copa do Mundo de Sprint que se celebrará en Szeged (Hungría) os próximos 25, 26 e 27 de setembro.
O padeeiro do Poio, que competirá en tres probas máis ao longo da fin de semana, comentou que, aínda que "es una temporada un poco descafeinada porque casi no hay competiciones", destaca a súa clasificación para o Mundial como "un buen comienzo de selectivo" á espera do que faga no resto de probas.
En canto ao resto de clasificados, na final de K1 1000, Paco Cubelos (UCAM) e Roi Rodríguez (Kaiak Tudense) lograron o pase para a Copa do Mundo, mentres que Sara Ouzande e Lara Feijóo, ambas as do Kaiak Tudense, obtiveron o pase en K1 200 e formarán parte do equipo nacional que acudirá a Szeged.
A competición continuará durante o sábado e o domingo coa participación de ao redor dun centenar de padeeiros. Entre eles atópase o campión olímpico Cristian Toro, que se adxudicou na mañá deste sábado a primeira semifinal no selectivo de K1 200. O deportista de Lugo tamén competirá en 500 metros, programación da Federación Española para controlar o rendemento dos deportistas.
Pola súa banda, Antía Jácome, do Ciudad de Pontevedra, impúxose na primeira semifinal do C1 200.