Adecco Plata: o Marín Peixe Galego debutará contra o Zornotza e o Conservas de Cambados contra o Palma
Por Redacción
Un total de 13 equipos, dous máis que na tempada anterior, darán comezo a unha nova edición da Adecco Prata que levantará o telón o próximo 5 de outubro. E farao con dous equipos pontevedreses na categoría: o Marín Peixe Galego e o Conservas de Cambados. O obxectivo de ambos equipos, recentemente ascendidos, será manter a categoría e consolidarse na división de bronce do baloncesto español.
Logo de confirmarse aos integrantes da Adecco Prata, a Federación Española de Baloncesto fixo público por fin o calendario de competición. A primeira xornada disputarase o próximo 5 de outubro, mentres que o final da liga regular está fixado o 12 de abril. A partir do 26 de abril, oito equipos disputarán uns playoffs de ascenso nos que se decidirá o nome do equipo que acompañará á Adecco Ouro ao campión da liga regular.
O Marín Peixe Galego debutará en casa. Na primeira xornada de competición, recibirá ao equipo biscaíno do Zornotza, equipo tamén recentemente ascendido esta tempada. Será o único equipo pontevedrés que xogará ese día, xa que ao ser trece equipos na categoría, un deles deberá descansar cada semana. E empezará facéndoo o Conservas de Cambados que deberá esperar ao 12 de outubro para o seu debut. Será en casa contra o Palma Air Europa.
Os emparellamentos da primeira xornada son os seguintes:
CEBA Guadalajara | Azpeitia Azkoitia ISB |
Amiscs Castelló | Araberri Basket Club |
Palma Air Europa | Cafés Aitona |
CB Prat | Cáceres P. Humanidad |
Grupo Eulen Carrefour Ávila | Fundación Baloncesto Fuenlabrada |
Marín Peixegalego | Zornotza Saskibaloi Taldea |
Descansa: Conservas Cambados |
A primeira saída do Marín Peixe Galego producirase na segunda xornada. Visitará a cancha do Fundación Baloncesto Fuenlabrada. Mentres que o primeiro partido fóra de casa do Conservas de Cambados será o 19 de outubro contra o equipo catalán do Prat. Marinenses e cambadeses veranse as caras o 2 de novembro (quinta xornada), primeiro no pabellón da Raña. O partido de volta en Cambados será o 15 de febreiro (xornada 18).
O último partido da temporada regular levará ao Marín Peixe Galego a enfrontarse ao Ceba Guadalajara, mentres que o Conservas de Cambados fará o propio co Amics Castelló. Será o 12 de abril.
Podes consultar o calendario completo de competición na páxina web da Federación Española de Baloncesto.