O Xuven Cambados competirá na Adecco Prata, o Marín Peixe Galego terá que agardar para sabelo
Por Redacción
Pontevedra podería contar a próxima tempada con dous representantes na división de bronce do baloncesto español. Un logrou o seu dereito a participar na denominada Adecco Prata por méritos deportivos, ao lograr o ascenso desde a Liga EBA, o Xuven Cambados. O outro, o Marín Peixegalego solicitou un dos ocos libres que haberá en dita categoría. Ambos inscribíronse na liga, pero os marinenses terán que esperar.
Na reunión da comisión delegada da Federación Española de Baloncesto revisouse a documentación presentada polos clubs que solicitaron praza e acordouse unha prórroga ata o 19 de xullo para que se poidan emendar as deficiencias detectadas. Agárdase que o próximo 23 de xullo haxa unha decisión definitiva sobre a composición das dúas principais categorías da Federación: Adecco Ouro e Adecco Prata.
No caso da segunda, onde residen os intereses pontevedreses, inscribíronse 13 equipos para as 14 prazas previstas: Palma Air Europa, CB Prat, Zornotza Saskibaloi Taldea, Amics Castelló, Xuven Cambados, Azpeitia Azkoitia ISB, Grupo Eulen Carrefour Bulevar de Ávila, CEBA Guadalajara, Araberri Basket Club, Cafés Aitona, Marín Peixegalego, Tenerife Baloncesto e Fundación Fuenlabrada.
O maior problema que pode ter o Marín Peixegalego, a priori, é que para a Adecco Ouro presentáronse 16 clubs, cando a Federación quere só 14. Se o ente federativo non acepta a eses dous equipos máis na categoría e decide recolocalos na Adecco Prata, os marinenses poderían quedarse sen praza.
Sexa como sexa, desde o club de Marín traballan coa perspectiva de lograr saír na categoría de bronce. Segundo o seu presidente, Luís Santiago, están buscando patrocinadores para asegurar un orzamento que sería notablemente superior ao da pasada tempada, especialmente no relativo aos desprazamentos. Sobre todo os que tería que realizar o equipo a Canarias, Valencia ou Cataluña.