A Federación confirma ao Peixegalego como equipo de Adecco Plata
Por Diego Espiño
Confirmado, o Marín Peixegalego competirá a próxima tempada na Liga Adecco Plata, terceira categoría nacional, despois de que a Federación Española comunicase vía correo electrónico que acepta ao equipo marinense tras cumprir todos os requisitos impostos de inscrición e avais.
A noticia, esperada no club, foi acollida con entusiasmo polo seu presidente, Luis Santiago: "es una liga bonita y competitiva, con clubes grandes y canteras de equipos ACB, toca trabajar mucho para poder competir".
Luis Santiago: "es una liga bonita y competitiva, con clubes grandes y canteras de equipos ACB"
O Peixegalego acompañará o Xuventude Cambados na súa nova aventura, para a que deberá aumentar o seu presuposto e reforzarse deportivamente: "estamos hablando de una liga profesional y hay puestos, tres mínimo, que debemos reforzar".
Luis Santiago e o seu equipo puxéronse xa mans á obra para cadrar as contas e intentar "dar la cara" nunha competición que augura difícil. O que máis preocupa ao presidente son as longas viaxes que deberán afrontar, formulándose mesmo realizar algúns deles en vehículos particulares para intentar reducir custos: "muchos los haremos en coche, con eso te lo digo todo. Los de País Vasco, Cáceres o Guadalajara por ejemplo, pero la ilusión puede con todo".
PRIMEIROS PARTIDOS DE PRETEMPADA
A intención da directiva é pechar o equipo, dentro do posible, para empezar os adestramentos a primeira semana de setembro, deixando así un mes de preparación antes do debut ligueiro do día 5 de outubro.
O Peixegalego, que xa traballa en pechar encontros amigables, confirmou que o día 14 de setembro visitará o pavillón da Raña o Club Baloncesto Breogán de Adecco Oro, en partido correspondente á Copa Galicia.
Un día antes, tamén na Raña podería disputarse un triangular entre o propio Breogán, Peixegalego e o Porto portugués.