O Froiz estrea en Cantabria a camisola de campión de España
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Samuel Blanco, flamante campión de España de ciclismo en categoría elite, prepárase para estrear as súas novas cores na volta á competición tras o parón provocado polo campionato nacional.
O ciclista do Froiz lucirá o seu novo maillot na Vuelta a Cantabria que dará comezo este xoves 3 de setembro e que se prolongará ata o día 5.
Será unha rolda de tres etapas sen grandes dificultades montañosas pero cun terreo rompepirnas que a fará dura e competida para todos os ciclistas.
A primeira das xornadas contará con 146 quilómetros de percorrido con saída e chegada en Meliaño, contando con tres ascensións puntuables de 3ª categoría e outra máis de 2ª categoría. A segunda etapa terá saída e chegada en Colindres con 141 quilómetros e dous portos montañosos, de 3ª e 2ª categoría. Pola súa banda o último día o pelotón afrontará un percorrido en Corrales de Buelna con 148 quilómetros, dous portos de 3ª e dous máis de 2ª.
Ademais de Samuel Blanco, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz competirá en Cantabria con Iván Martínez, Marcos Jurado, Víctor Romero, Guillermo García, Aarón Mariño e Ramón Fernández.