Primeiro día de traballo para o Teucro 2013/2014
Por Diego Espiño
Rematáronse as vacacións para a Sociedad Deportiva Teucro, que xa prepara unha nova tempada na División de Honra Prata na que os pupilos de Javier Barrios aspiran a non pasar apuros e intentar repetir a xesta do pasado curso, cando se clasificaron para disputar a fase de ascenso.
O adestrador azul pasou revista a un plantel xa pechado con seis incorporacións antes de facer suar por primeira vez os seus, unha escena que se repetirá nos próximos días nun esixente calendario de traballo na que o técnico programou dobres sesións, mañá e tarde, durante a primeira semana, con descanso soamente na tarde do sábado e o domingo.
No primeiro adestramento non estaban David García Pichel, que se encontra concentrada coa Selección Española Xuvenil que vai disputar dende o día 9 o Mundial da categoría en Hungría, David Chapela, que se unirá ao grupo o próximo luns despois de concluír hai uns días a súa participación no Campionato do Mundo Júnior, e Juan Bar, que chegará de Arxentina este mércores 7 de agosto ao contar con permiso do club.
Ata a estrea ligueira do 14 de setembro, cando o Teucro recibirá no Municipal ao Pozoblanco, o bloque lerezano pretende disputar polo menos tres encontros amigables e un triangular, ademais da participación do club na Copa Galicia.
Precisamente a primeira rolda desta competición é, polo momento, o primeiro partido de preparación confirmado polos pontevedreses, que se desprazarán a Redondela para enfrontarse ao S.A.R., posiblemente o 24 ou 25 de agosto, mentres uns días despois xogarán un triangular en Carballo ante o Calvo Xiria e o Balonmán Cangas.
Relacionadas:
-
Javier Barrios: "A afección ten que responder, ogallá poidamos retomar todo onde nos deixaron o ano pasado"
Por Diego Espiño |
-
O Teucro confirma dous novos partidos de pretempada no Municipal
Por Diego Espiño |
-
O Teucro presenta as novidades no seu equipo para a tempada 2013/2014
Por Ramiro Espiño |
-
Xa hai calendario para a División de Honra Prata: o Teucro debutará o 14 de setembro na casa contra o Pozoblanco
Por Alejandro Espiño |