Segunda proba de nivel para o Pontevedra coa visita do Lugo a Pasarón
Por Redacción
Tras a visita do Deportivo de novo un equipo de Segunda División pon a proba a preparación do novo Pontevedra Club de Fútbol dirixido por Nando, o Club Deportivo Lugo.
O cadro lucense é o convidado na trixésimo sétima edición do Trofeo Cidade de Pontevedra, que se disputa este martes 6 de agosto no Estadio Municipal de Pasarón ás 20:30 horas.
Será unha boa ocasión para avaliar o progreso dos granates á espera dos reforzos que dean por pechado o plantel (un mímino de catro) a menos dun mes do inicio da competición oficial.
Os prezos para asistir ao encontro fixáronse en 8 euros para os fondos, 10 para Preferencia e 12 para Tribuna, con entrada de balde para os socios.
Esta mesma semana o Pontevedra contará con dous encontros amigables máis, o sábado ante o Ribadumia na Senra (19:30 horas) e o domingo no triangular Vila de Marín en San Pedro ante o equipo de casa e o Choco (19:00 horas).
Antes do comezo de liga, fixado para o domingo 25 de agosto en Redondela ante o Choco, os granates xogarán un encontro máis en Pasarón, será o sábado 17 de agosto no Trofeo Hotel Campaniola ante o Coruxo da Segunda División B.