O Deportivo adxudícase o LIV Trofeo Luis Otero ao vencer (0-2) a un Pontevedra que ofreceu resistencia
Por Ramiro Espiño
Media ducia de adestramentos e pouco máis dun partido de preparación dificilmente poden servir para extraer conclusións sobre virtudes e defectos dun equipo, máis aínda cando en fronte hai un rival de superior categoría. Aínda así, e a risco de equivocarse, fronte a todo un Deportivo o Pontevedra apuntou cousas interesantes e outras a corrixir.
Entre as primeiras, sen dúbida dúas das incorporacións deste ano: a seguridade que transmite Paco na portaría e o descubrimento de David García, que mostrou fulgores de xogador con percorrido e personalidade no centro do campo, ademais do intento de Nando de que o equipo trate o mellor posible o balón, sacándoo xogado dende atrás. Das segundas, quizais a máis destacada sexa a falta de centímetros arriba, o que se nota especialmente cando o rival preme e a opción que queda é o xogo directo. Iso e o burato en que se converteu a banda esquerda granate, na que o equipo de Fernando Vázquez encontrou o filón para chegar con perigo, disipando a néboa coa que ata entón se empregaran os herculinos en ataque.
Como ensaio non estivo mal. O Pontevedra saíu sen complexos, e de feito foi o primeiro en intentar buscar a porta contraria, Aranzubía encargouse de anular os intentos de Richi e David García. O Deportivo non daba sinais de vida nin perigo, pero unha acción illada cambiou o partido. Os branquiazuis non dispararan a porta unha sóla vez, ata que Bruno Gama se encontra un balón solto na frontal. O seu disparo sae rebotado na perna de Yago Vázquez e envelénase, entrando pola escuadra de Paco.
Co gol o Deportivo entoouse. Entón si deixou patente a súa superioridade. O Pontevedra non conseguía saír da súa parcela e os visitantes puideron ampliar a conta, pero Paco e Yago Vázquez, salvando un remate baixo paus, evitaron que o marcador se movese de novo.
Tras o descanso o Deportivo cambiou de golpe a 9 xogadores, mantendo unicamente ao meta Aranzubía e a Bruno Gama, ao que Fernando Vázquez cambiou de banda intentando explotar a debilidade defensiva granate por esa zona, pero Nando tamén o vira, situando a David García no lateral, e deixando o centro do campo para Fran Fandiño con Iago Paz.
Como resultado de tanto movemento o Pontevedra gañou presenza e chegada e o partido volveu nivelarse. Tomás tivo o empate nas súas botas, pero o seu disparo, en inmellorable posición, marchou alto. Logo seguiu o o rosario de cambios, agora no bando granate, e o ritmo resentiuse. O Deportivo chegaba esporadicamente con certo perigo, pero sen remate. Os locais non deixaron de intentalo pero a verdade é que apenas tiveron opcións, nin sequera a pesar do cambio de debuxo táctico, pasando a xogar con dous dianteiros, con Fran Fandiño acompañando un Kevin insistente na presión e co equipo coidando sempre que a distancia entre liñas fose mínima.
Precisamente Kevin tivo nas súas botas a mellor ocasión do partido ao plantarse só ante Aranzubía, a falta de oito minutos, pero a experiencia do gardameta visitante impúxose no man a man á xuventude do atacante local, logrando rexeitar o remate. Dous minutos máis tarde Bicho eleva ante Paco sentenciando o partido. Dúas xogadas, dúas situacións parecidas, pero con diferente final. A diferenza de categoría entre os xogadores nótase neses detalles.
Detalles, en fin, apuntamentos interesantes para unha pretempada con moito traballo aínda por diante. E un Trofeo Luis Otero que de novo marcha a terras herculinas de forma xusta, aínda que sen demasiada brillantez.
PONTEVEDRA C.F. (0): Paco; Adrián, Yago Vázquez (Bruno, min. 71), Pablo (Miguel, min. 66), Suso (Fran Fandiño, min. 46); David García (Caco, min. 66), Iago Paz; Tubo (Pablo Regueiro, min. 58), Tomás (Emilio, min. 58), Luismi (Kevin, min. 71); e Richi (David Pérez, min. 46).
R.C. DEPORTIVO (2): Aranzubía; Seoane (Laure, min. 46), Kaká (Uxío, min. 46), Aythami (Rochela, min. 46), Manuel Pablo (Ayoze, min. 46); Álex Bergantiños (Sidibé, min. 46); Cañizares (Bicho, min. 46), Romay (Teles, min. 46), Juan Carlos (Juan Domínguez, min. 46), Bruno Gama; e Luis (Dani Iglesias, min. 46).
Árbitro: Loira Rodríguez (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Bascoy Rodríguez e Lois Carro. Non mostrou tarxetas.
Goles: (0-1) Minuto 27: Bruno Gama, en disparo dende a frontal que dá en Yago Vázquez despistando a Paco. (0-2) Minuto 83: Bicho, elevando con habilidade o balón ante a saída de Paco.
Os equipos saltaron ao campo portando unha bandeira galega cun crespón negro en sinal de duelo polas vítimas do accidente ferroviario de Santiago
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Ao redor de 1.300 espectadores, con numerosa presenza de seguidores deportivistas. Ambos os dous equipos saltaron ao campo portando unha bandeira galega cun crespón negro en sinal de duelo, e gardouse un minuto de silencio polas vítimas do accidente ferroviario de Santiago. Por esa mesma razón non se emitiu música pola megafonía do estadio. O Presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, acompañado polo presidente de honra do Pontevedra, Cholo, fixo entrega ao capitan do Deportivo, Laure, do LIV Trofeo Luis Otero.