Bea Gómez Cortés despídese do Mundial de Barcelona como decimocuarta nos 400 metros estilos
Por Redacción
Non puido ser. Bea Gómez Cortés non logrou o seu obxectivo de pechar a súa primeira participación nun Mundial coa súa presenza na final dos 400 metros estilos. Quedouse fóra ao terminar sexta na súa serie preliminar cun tempo de 4:42.78, cinco segundos máis lenta que a última clasificada para a final, a xaponesa Miyu Otsuka.
A nadadora pontevedresa competiu na terceira serie, onde a estadounidense Elizabeth Beisel marcou o mellor tempo (4:35.17). Nunha serie máis lenta que a de Mireia Belmonte, e logo de que dúas das favoritas, a chinesa Ye Shiweny e a húngara Zsuzsanna Jakabos, saltasen á piscina para buscar o seu pase á final, finalmente Bea quedábase fóra desta final dos 400 estilos.
"Como siempre en la espalda me quedo atrás y, aunque recorté en al braza, no pude alcanzarlas. Es mi segunda mejor marca y estoy contenta. Me quedo con la experiencia de nadar un Mundial en casa. Ahora hay que aprender de los errores y aprender para el futuro", afirmou a pontevedresa ás cámaras de Teledeporte ao término da proba.
En todo caso, o Mundial de Barcelona foi unha boa experiencia para Bea Gómez Cortés. Competiu en cinco probas e nunha delas, o relevo 4x200 metros logrou coarse na final xunto con Mireia Belmonte, Melani Costa e Patricia Castro. Foron quintas batendo o récord de España ao parar o crono en 7:53.20. Peor foron as cousas no relevo libre de 4x100, onde cun tempo de 3:42.08 España non logrou pasar á final.
Nas probas individuais, ademais dos 400 metros estilos que disputou este domingo, Bea Gómez Cortes nadou nos 200 metros estilos. Neles logrou unha marca de 2:15:11, que a situou como decimoquinta do mundo. A súa peor experiencia neste Mundial, como ela mesma recoñeceu, foi a súa participación nos 800 metros libres. A súa falta de experiencia nesta distancia pasoulle factura. Marcou un tempo de 8:37.26, o decimonoveno das participantes.