España, quinta nos 4x200 no Mundial de Barcelona cunha sensacional Bea Gómez Cortés pechando o relevo
Por Redacción
España volveu a demostrar unha vez máis que conta cun relevo de garantías en natación. O 4x200 feminino volveu a brillar. Esta vez nos Campionatos do Mundo que se están celebrando en Barcelona. O equipo español, composto por Mireia Belmonte, Melani Costa, Patricia Castro e a pontevedresa Bea Gómez Cortés, foi quinto nunha proba dominada por Estados Unidos que se levou o ouro cun tempo de 7:45.14.
Completaron a proba cun excepcional rexistro de 7:53.20, co que bateron ademais o récord de España logrado nos pasados Xogos Olímpicos de Londres. Melloraron esta marca (7:54.59) en algo máis dun segundo. Con este quinto posto igualan ademais o seu mellor resultado nun Mundial. Ademais de por Estados Unidos foron superadas por Australia, Francia e China. Quedaron a cinco segundos do bronce.
A proba comezou co relevo de Melani Costa, unha das grandes sensacións deste Mundial, que logrou situarse na segunda praza ao nadar por baixo de 1:57. Pero Patricia Castro non puido aguantar o forte ritmo que impuxeron estadounidenses e australianas e caeu ata a quinta posición. Mireia Belmonte logrou asegurar o posto das españolas e Bea Gómez Cortés, encargada de pechar o relevo, defendeu o pavillón español con uñas e dentes.
Ao término da proba, en declaracións a TVE, Bea Gómez, recoñecía que o feito de pechar o relevo español na súa primeira participación nuns Mundiais engadiulle certa presión. "Al principio estaba muy nerviosa, pero lo he disfrutado mucho. Aún no me lo creo, quedar quintas está súper bien", explicaba, coincidindo as súas compañeiras na importancia de lograr este resultado nunha disciplina na que España tradicionalmente non era nin finalista.
SUSTO EN SEMIFINAIS
O equipo español feminino do relevo 4x200 metros libres chegaba a esta final coa cuarta mellor marca tras parar o crono en semifinais en 7:54.90, moi preto do anterior récord de España. Foron segundas na súa serie, só superadas por Estados Unidos. China e Australia foron máis rápidas que as españolas na outra serie.
E iso que as españolas estiveron a piques de ser descualificadas. Comezou a proba unha Melani Costa sensacional que foi primeira no seu relevo (1:57.90) e a madrileña Patricia Castro (1:59.27) aguantou esa posición ata os últimos metros da súa carreira. Saltaba entón á piscina a pontevedresa Bea Gómez que logrou manter a segunda praza cun gran tempo de 1:59.25. E aí chegaba o susto.
Mireia Belmonte, a última do relevo español, apurou ao máximo a saída. Moitos pensaron, incluída Melani Costa que observaba a proba desde fóra da piscina, que a catalana saltara á auga antes de que Bea Gómez tocase o bordo para darlle o relevo. Pero fíxoo xusto cando a pontevedresa completaba o seu longo. A reacción foi de 0.0 e as españolas non incumpriron a normativa.
A Bea Gómez Cortés quédalle aínda nadar noutras dúas probas nestes Campionatos do Mundo de Natación de Barcelona. Competirá este venres 2 de agosto nos 800 metros libres e o domingo 4 de agosto en 400 metros estilos.