A Sociedad Gimnástica aspira a sumar máis de dúas medallas no Campionato de España de Atletismo
Por Redacción
O prestixio que acumula a Real Federación Española de Atletismo na organización de campionatos volverá poñerse a proba este fin de semana en Alcobendas. Xa practicamente está todo listo para que o sábado comece o Campionato de España Absoluto, onde os atletas da Sociedad Gimnástica poden asinar a mellor actuación do equipo pontevedrés nun nacional.
A Sociedad Gimnástica conta na súa longa historia con varios Campións de España. Dende Celso Mariño no Decatlon, ata Gustavo Dacal na xavelina, pasado por Jean Marie Okutu na lonxitude e Manuel Gayoso nos 400 metros. Nesta edición será moi difícil conseguir unha medalla de ouro, pero o relevo 4x400 pode traer a Pontevedra un posto de podio, algo nunca conseguido por un equipo absoluto da Gimnástica en toda a súa historia, postos de honra que alcanzaron, noutras disciplinas atléticas, algún equipo das categorías inferiores da veterana Sociedade.
Nesta edición a Gimnástica acode cun total de 12 atletas, aspirando por primeira vez na súa historia a conseguir máis de dúas medallas nun nacional, superando a súa mellor actuación que foi en 2009 con dúas medallas do ouro, a cargo de Gustavo Dacal en xavelina e Jean Marie Okutu en lonxitude.
Alberto Salcedo, é un dos que teñen posibilidades de conseguir medalla. O domingo ás 11:40 da mañá comezará a súa participación nas semifinais de 200 metros, se se clasifica a final teraa ás 20:50 horas. Aínda que ve difícil un posto no caixón, non descarta nada: "As sensacións que teño estes últimos días é coma se se me estivese a facer un pouco longa a tempada, non me vexo eu no meu mellor estado de forma. Vendo como está o nivel este ano véxoo complicado, pero nun campionato todo pode pasar".
Víctor Gallego, aínda que está o cuarto do ranking no lanzamento de disco, os tres primeiros son practicamente inalcanzables; ás 21:45 horas do domingo terá a final; pero antes, o sábado ás 20:25 horas, estará na final de lanzamento de peso. Cumpre a súa sétima participación no Campionato de España, ao que chega tocado polas lesións e con máis posibilidades en disco que en peso: "Intentarei dar o máximo e quedar o máis próximo ao podio posible en disco. Este ano o peso deixeino apartado e non o adestrei como o ano pasado e iso se nota na diferenza final de marca. Cun posto de finalista estaría máis que satisfeito".
Polo que respecta a Marc Tur, é unha das grandes sorpresas da Sociedad Gimnástica nesta tempada, atleta júnior, aínda é moi novo e correrá o domingo ás nove da mañá a final dos 10 km. marcha sen ningunha presión: "Afronto con moitas ganas o meu primeiro Campionato de España absoluto, o nivel é moi alto, non se se poderei facer marca, pero esta semana me serve ben de descanso, simplemente manterme e a ver que pasa".