Axustado triunfo do marinense Jean Marie Okutu no salto de lonxitude do Campionato de España de atletismo
Por Redacción
Era un dos favoritos e cumpriu con todos os prognósticos. O marinense Jean Okutu proclamouse campión de España nos Campionatos Absolutos que se están celebrando na localidade madrileña de Alcobendas. Logrou a medalla de ouro en salto de lonxitude ao asinar un salto de 7,76 metros. Foi unha das actuacións máis destacadas dos atletas pontevedreses na primeira xornada deste campionato.
Foi unha proba moi disputada a do salto de lonxitude masculino. Okutu, agora nas filas do F.C. Barcelona, chegaba coa terceira mellor marca persoal da tempada, 7.93 metros, e impúxose por un só centímetro a Luís Felipe Méliz, que foi prata cun salto de 7.75 metros. Terceiro foi Rodrigo de la Oliva tras saltar 7.66 metros.
Tras colgarse o ouro, o atleta marinense afirmou que "es una buena marca, pero un poco corta" porque o seu obxectivo era chegar a salta 8.10 metros, a mínima para poder acudir aos Mundiais de Moscú do próximo mes de agosto. Explicou que "parte del concurso fue un poco irregular, a pesar de que me encontraba en un estado de forma muy bueno" e aínda que recoñeceu estar "contento" polo título "me faltó la guinda que era lograr esa mínima".
Este primeiro día do Campionato de España Absoluto foi bastante positivo ademais para os atletas da Sociedad Gimnástica. Especialmente para Víctor Gallego no lanzamento de peso. As medallas estiveron moi caras e tivo que empregarse a fondo para coarse entre os oito mellores. O pupilo de Santi Ferrer enviou a bóla no seu segundo intento ata os 17.44 metros, logrando un novo récord galego e conseguindo unha magnífica oitava posición.
Ignacio Sarmiento impúxose na terceira semifinal dos 400 metros vallas, clasificándose para a final co mellor tempo dos finalistas, con 52.39; aínda que como sempre se deixou levar nos últimos metros cando mirou que xa tiña a clasificación no peto. O domingo ás oito e media da tarde disputará unha final na que loitará polas medallas.
Pola súa banda, Eduardo Gallardo igualou a súa marca persoal nos 400 metros. Asinou en meta 48.57, o mesmo tempo que lograse fai un mes en Sierra Nevada. Quedou fóra da final, xa que había que correr en 48.06 para meterse nela. Aínda así a súa fantástica marca axudará a que a Sociedad Gimnástica de Pontevedra poida loitar polas medallas este domingo no relevo 4x400.
David Alejandro participou nas semifinais de 100 metros, pero o vento en contra da súa serie impediulle baixar dos 11 segundos e con 11.04, foi cuarto na súa serie e quedou fóra da final do domingo. E Eduardo Suárez estivo a un paso de meterse na final de 800 metros. Foi terceiro na súa serie con 1.52.09 e por 5 décimas non foi segundo no sprint final, posto que lle deu o pase á final. O domingo volverémolo a ver no relevo.
Para este domingo, estarán na pista a maioría de atletas da Gimnástica que acudiron a Alcobendas. Marc Tur na marcha, Julián Ortiz nos 110 metros vallas, Alberto Salcedo nos 200 metros, Mario García na pértiga, Alfonso Palomanes no triplo salto, Victor Gallego no disco, Jesús Cardó nos 3.000 obstáculos, Nacho Sarmiento na final de 400 metros vallas e o equipo de relevo 4x400.
A nota emotiva da xornada foi o minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente de tren de Santiago que se gardou a inicio da proba.