'Vengadores' na busca de axuda para competir no Campionato do Mundo
Por Redacción
Son a actuais medalla de bronce no Campionato do Mundo de Carreiras de Obstáculos (OCR) na modalidade de remudas, pero non teñen garantida a súa presenza na competición mundialista do próximo ano polo alto custo que supón.
O pontevedrés Jesús Montoto (grsu1375@gmail.com) e o cangués José Piñeiro son dous dos seis compoñentes do equipo 'Vengadores', que compiten no circuíto nacional e internacional OCR en categoría elite, e que se atopan nunha encrucillada.
Pertencer a un deporte minoritario fai complicada a proxección internacional duns atletas que se preparan a conciencia como eles, e é que o pasado ano o Mundial disputouse relativamente preto da casa, en Londres, pero a súa próxima edición terá lugar en Vermont, Estados Unidos.
"Os custos elévanse ata límites inasumibles para o equipo. Actualmente temos ilusión e queremos continuar con este soño. Seguimos adestrando moi duro para lograr esa clasificación Mundial, compaxinando os nosos traballos e obrigacións persoais con horas e horas de adestramentos, con todo temos presente que sen patrocinadores non poderemos competir na cita máis importante para o noso deporte", sinala Montoto.
En concreto piden axuda para reunir 6.600 euros (1.100 euros por persoa) para custear a viaxe a Estados Unidos (entre 500 e 600 euros), a inscrición (100-150 euros) e o aloxamento (300-400euros), aínda que se conseguen máis lles permitiría utilizalo para as viaxes e gastos que carrexa participar na liga española.
Todo, para que o seu esforzo non caia en saco roto e poder seguir gozando do deporte de elite.