De Pontevedra ao podio do Campionato do Mundo de Carreiras de Obstáculos
Por Redacción
O recente Campionato do Mundo de Carreiras de Obstáculos (OCR) celebrado en Londres do 10 ao 13 de outubro tivo en parte acento pontevedrés grazas á medalla de bronce conseguida por dous deportistas da provincia.
Jesús Montoto, pontevedrés de 31 anos, e José Piñeiro, cangués de 44, do equipo ' Vengadores' conseguiron xunto á vasca Andrea Azkune ( Denontzat) subir ao terceiro chanzo do podio mundial desta especialidade na modalida de substitucións mixtas.
A semellanza da Gladiator Race que vén celebrando na Illa das Esculturas nos últimos anos, os participantes deste mundial tiñan que superar diversos obstáculos no menos tempo posible. Así, cada un dos membros do equipo debía escoller entre realizar unha parte de velocidade, técnica ou forza, ademais das dificultades conxuntas que tiñan que superar todos os integrantes do equipo.
Nunha xornada que estivo marcada pola choiva e o vento, a competición resultou moi igualada. Empezou Jesús Montoto coa parte de velocidade, tomando a súa substitución Jose Piñeiro coa parte de forza colocándose en primeira posición. Por último Andrea Azkune realizou a parte técnica manténdose nos primeiros postos. Despois chegou a parte común chegando a meta cun tempo de 57 minutos e 55 segundos nun meritorio terceiro posto.
Este éxito anímalles agora a seguir competindo a nivel nacional e internacional, aseguran, aínda que para iso serán necesario conseguir apoios. "Estamos a tentar por todos os medios conseguir algún patrocinador que nos apoie este ano, xa que a clasificación para as competicións internacionais é dura e require acudir a carreiras do panorama nacional, e a maiores temos o soño de revalidar o noso título de terceiros do mundo en substitucións o próximo ano 2020", sinalou Montoto.
Non será sinxelo, coa dificultade engadida de que o próximo Campionato do Mundo terá lugar en Vermont, Estado Unidos. Polo menos por tentalo non quedará.