O Arxil comeza a negociar coas súas xogadoras para formar o equipo da próxima tempada
Por Redacción
Unha vez coñecido que o Club Baloncesto Arxil militará de novo na Liga Feminina 2, a directiva do equipo púxose ao choio para planificar a próxima tempada. Xa comezaron as conversas con todas as xogadoras do plantel. Segundo adiantan desde o club, a intención é manter o bloque da pasada tempada, coa excepción de Zara Bentley e Marina, esta última debido a que vai ser nai.
Cando saiban o número de fichas libres coas que contan, comezarán coas incorporacións. O primeiro reforzo espérase que sexa o regreso de María Lago que tras estar facendo un programa europeo de estudos regresa a Pontevedra e cóntase con ela. Por iso é polo que a directiva sinale que se non se torcen os plans, a confección do plantel estaría moi avanzada.
Espérase tamén a incorporación dunha xogadora galega que nesta tempada militou nun equipo de Liga Feminina 2 que, se é capaz de entrar na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte, viríase a estudar a Pontevedra. Tan só quedaría entón, segundo o director deportivo o club, Lino Vázquez, pechar a incorporación dunha xogadora interior. En todo caso sinala que non hai présa por pechar o equipo.
No apartado de técnico, o Club Baloncesto Arxil quere apostar tamén pola continuidade. Aínda que recoñecen que hai que negociar con Mayte Méndez e Milagros Sanmartín, así como cos preparadores físicos e demais compoñentes do cadro técnico, o máis probable é que todos eles continúen á fronte do equipo.
O Arxil está á espera de que o vindeiro martes 23 de xullo reúnase de novo a comisión delegada da Federación Española de Baloncesto, para coñecer como quedan configurados definitivamente os grupos de Liga Feminina 2. Nesa reunión quedará definido tamén o calendario de competición, o que marcará a data para o inicio dos adestramentos e a planificación da pretemporada.
Mención aparta merece o apartado económico. O Arxil, aparte de Mafari Café que patrocina un dos seus equipos, segue sen patrocinadores para os trece equipos restantes. Por iso desde o club fan un chamamento a todos os empresarios, socios, afeccionados e ex xogadoras "para que nos botedes unha man a conseguilo", sinala Lino Vázquez, quen reitera que o club, logo da xestión económica e deportiva realizada, "goza de boa saúde".