O Arxil continuará un ano máis na Liga Feminina 2 tras recibir o visto bo da Federación
Por Redacción
Obxectivo cumprido. O Arxil xogará unha tempada máis na Liga Feminina 2. Malia perder a categoría por méritos deportivos, a Comisión Delegada da Federación Española de Baloncesto, celebrada este martes en Madrid, ofreceu unha das prazas libres na segunda división do baloncesto feminino ao equipo pontevedrés. Era a previsión que manexaban os seus responsables desde facía tempo.
Tras revisar toda a documentación presentada polos clubs inscritos, a Comisión Delegada acordou que o grupo A de a Liga Feminina 2 estea formada por doce equipos: Arxil, Celta de Vigo, A.D. Cortegada, Ensino Lugo, Pabellón Orense, Universitario de Ferrol, Abda Avilés, Universidad de Oviedo, Aros de León, Universidad de Valladolid, Cáceres e Badajoz. O grupo B contaría con outros doce equipos. Serán, polo tanto, 24 os conxuntos da categoría.
Para Lino Vázquez, director deportivo do Arxil, esta noticia é "fundamental" para o devir do equipo. Entende que é "a confirmación de que as cousas estanse facendo ben". Destacou que o conxunto pontevedrés fixo unha aposta polas xogadoras de casa na pasada tempada e "cumpriron xa que a súa segunda volta foi espectacular collendo esa veteranía que lles faltou na primeira volta".
De cara á próxima tempada, o equipo verde traballa para manter ao 80% do seu plantel. Tan só fálase das baixas de Marina Ramírez, porque será nai, e Zara Huntley "por non ser o perfil de xogadora que necesita o Arxil", explica Lino Vázquez. Se o conseguen, di, "dariamos un gran paso cara a adiante para crecer como equipo e como club".