Bo comezo dos barcos galegos na regata Turismo Rías Baixas Worlds de vela
Por Redacción
Comezou nas augas de Sanxenxo o Turismo Rías Baixas Worlds, cita que pon en xogo o título de campión do mundo en categoría absoluta, feminina, máster e junior da clase Vaurien. Trala xornada inaugural, os galegos Jaime e Alfonso Leirós e Nacho Campos e Gonzalo Martínez sitúanse segundos e terceiros nunha xeral absoluta na que os italianos Zampacavallo e Armengot son primeiros. Na categoría feminina Laura e Lucía Llópiz colócanse líderes.
A xornada amencía con néboa, pero o Comité de Regata aferrábase aos partes, que afirmaban que ventos lixeiros do suroeste, duns dez nós de intensidade e baixando, permitirían que a flota escoitase o bucinazo de saída do Turismo Rías Baixas Worlds nas augas da ría de Pontevedra.
Contra as 13:15 horas comezaba a manga inaugural do Turismo Rías Baixas Worlds na que os holandeses Roleof e Jelmer Kuipers mostráronse intratables. Xa o avisaron os irmáns Leirós en múltiples ocasións: o tándem holandés era serio aspirante ao título e empezou con forza en Sanxenxo. Nesta ocasión o equipo italiano formado por Francesco Zampacavallo e Carlos Frances Armengot eran segundos na liña de chegada.
Comezaba entón a segunda proba do día, aínda que nesta ocasión ao Comité custoulle montar o campo de regatas que, finalmente e do mesmo xeito que durante a primeira manga, situouse fronte á praia de Silgar. Nela, Jaime e Alfonso Leirós, que foran decimocuartos na primeira manga, levábanse a vitoria parcial por diante dos italianos Zampacavallo e Armengot. Terceiros foron os españois Nacho Campos e Gonzalo Martínez.
Jaime e Alfonso Leirós repetiron triunfo na terceira e última regata do día. Neste caso superando a Nacho Campos e Gonzalo Martínez e a Zampacavallo e Armengot, que marcaron tres podios consecutivos e lideran con comodidade a clasificación xeral. Os dous primeiros postos dos irmáns Leirós co seu Movistar colocan aos regatistas do Real Club Náutico de Sanxenxo na segunda praza do caixón, empatados con Nacho Campos e Gonzalo Martínez. Ambos teñen 16 puntos, fronte aos 7 dos italianos.
LAURA E LUCIA LLOPIZ LIDERAN A CATEGORIA FEMININA
Na categoría feminina, Laura e Lucía Llópiz mostraron todo o seu potencial ao marcarse dous primeiros e un cuarto posto. O bronce feminino é, provisionalmente, para as viguesas Alejandra Suárez e Helena Pérez. Completan o podio, as holandesas Femke Yntema e Janine de Hann, que soben á segunda posición do caixón de honra.
Zampacavallo e Armengot triunfan no Turismo Rías Baixas Worlds por partida dobre e é que ademais de lograr o liderato na clasificación absoluta, fan o propio na máster. Tras eles colócanse os tamén italianos Maurizzio Raffaelli e Chiara do Vincio e os portugueses Alexandre Paulino e Luís Silva. Pola súa banda, na categoría junior os holandeses copan os primeiros postos da man de Jelle Fokkema e Fimme Veldhuis, líderes, e de Jelmer Untenma e Jorrtit Bonnema, segundos na xeral. Os estadounidenses Michael Sickler e Carlijn Knoppers completan a táboa.
Este martes celebrarase a segunda xornada de competición, a partir das 13.00 horas. O Comité de Regatas poderá dar o bucinazo de saída a tres novas probas.
Relacionadas:
-
Nacho Campos e Gonzalo Martínez seguen líderes da Turismo Rías Baixas Worlds, pero con italianos e eslovacos moi preto
Por Redacción |
-
Os galegos, favoritos no Turismo Rías Baixas Worlds polo título mundial da clase Vaurien
Por Redacción |
-
Comeza o Turismo Rías Baixas Worlds de vela co título mundial de Vaurien en xogo
Por Redacción |