Comeza o Turismo Rías Baixas Worlds de vela co título mundial de Vaurien en xogo
Por Redacción
Todo está preparado para que o Real Club Náutico de Sanxenxo acolla, entre o 13 e o 20 de xullo, o Turismo Rías Baixas Worlds, cita que porá en xogo o título mundial da clase Vaurien nas súas diferentes categorías: absoluta, feminina, máster e junior. A cita congregará na localidade a máis dun cento de regatistas chegados de países como Alemania, Holanda, Italia, Francia, Portugal, Perú e España.
Na presentación do torneo, celebrada este xoves, nas instalacións do Real Club Náutico de Sanxenxo, o seu presidente Pedro Campos sinalou que "estamos encantados de volver organizar esta regata". Explicou que, personalmente, é a clase "na que conseguín o meu primeiro título mundial e que logo me serviu para moito" e ratificou o compromiso do club por apostar por grandes eventos "que xeren actividade, que xeren riqueza e que, en definitiva, permitan unha maior presenza de Galicia e Sanxenxo en particular a nivel mundial".
O Turismo Rías Baixas Worlds disputarase nas inmediacións do Real Club Náutico de Sanxenxo xa que o Comité de Regatas establecerá o campo de regatas fronte á praia de Silgar, polo que os afeccionados poderán seguir a regata desde terra. Todo un aliciente para as máis de 150 persoas que se desprazaron ata Sanxenxo con motivo do mundial.
"Sanxenxo é un referente para a vela, iso está claro", destacou, pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, quen, do mesmo xeito que o secretario xeral para ou Deporte, José Ramón Lete Lasa, encomiou a traxectoria do Real Club Náutico de Sanxenxo, que será un "anfitrión de luxo" grazas á súa ampla experiencia na organización de campionatos do mundo, entre moitos outros eventos de alto nivel. O primeiro deles foi, xustamente, o mundial de Vaurien e Cadete no ano 2005.
"Non só temos campións do mundo, senón que tamén temos tres campionatos do mundo organizados por este club, nesta ría marabillosa, o que significa que Galicia vai seguir sendo o punto de mira internacional da vela ao máis alto nivel. Galicia ten as condicións para iso", indicou Lete Lasa. "Non podo estar máis satisfeito: temos os mellores eventos, os mellores clubs e os mellores deportistas. Non se pode pedir máis".
Unha desas campioas, Támara Echegoyen, participou tamén na presentación do Turismo Rías Baixas Worlds. Tres veces campioa do mundo en Vaurien, recordou que esta clase "foi a miña rampa cara ás clases olímpicas, polo que lle debo moito". A galega, non puido deixar de mostrar todo o seu apoio aos regatistas, pero mostrouse convencida de que o título "vaise a quedar aquí, non o dubido, así que espero que teñades a mellor semana".
Quen defenderá o título mundial no Turismo Rías Baixas Worlds será Alfonso Leirós xunto ao seu irmán. O representante do Real Club Náutico de Sanxenxo afirmou durante a presentación que vai ser un mundial bastante emocionante. "Vai ser moi igualado porque hai moito nivel. Aínda que como campións teóricamente podemos ser favoritos segundo a opinión de moitos, o nivel está moi alto, aínda que nós estaremos aquí para dalo todo e intentar conservar o título", explicou.
O Turismo Rías Baixas Worlds comezará o sábado día 13 de xullo, coa regata de adestramento á que seguirá a cerimonia de apertura oficial na Praza do Mar. A primeira manga do mundial comezará ao día seguinte, a partir das 11:00 horas.