Os galegos, favoritos no Turismo Rías Baixas Worlds polo título mundial da clase Vaurien
Por Redacción
Grandes nomes da vela galega soan como favoritos ao título final. ÿ o caso de Jaime e Alfonso Leirós, os cales defenderán o ouro mundial logrado hai un ano en augas francesas. Os regatistas do Real Club Náutico de Sanxenxo terán que enfrontarse na auga cos holandeses Roelof e Jelmes Kuipes e cos tamén galegos Pablo Cabello e Javier Lago. En categoría feminina Lucía e Laura Llópiz intentarán revalidar o cetro mundial e lograr -así, o seu cuarto título mundial consecutivo- aínda que nesta ocasión as tamén galegas Alejandra Suárez e Helena Pérez non lles poñerán as cousas doadas.
A xornada do domingo, día 14 de xullo, estivo dedicada ao rexistro de participantes e á medición dos barcos.
En total, 60 tripulacións vindas de países como Corea do Sur, Brasil, Eslovaquia, Estados Unidos, Antillas Holandesas, Francia, Alemaña, Italia, Holanda, Portugal e España loitarán polo triunfo final do Turismo Rías Baixas Worlds nos seus diferentes categorías -absoluta, feminina, júnior e máster-.
A frota española será, como era de esperar, a máis numerosa, por diante da portuguesa -con nove tripulacións en Sanxenxo- e a holandesa -que desprazou ata a vila do Salnés a un total de oito equipos-.
Así mesmo, non se pode pasar por alto que Suíza tamén estará presente en Sanxenxo, nesta ocasión de mans de Peter Stuki, membro do xurado internacional xunto a César Sans, Zvonko Hogevar, Joao Toscanos e Miguel Cons.
O Turismo Rías Baixas Worlds será un dos mundiais máis competidos da clase Vaurien xa que o Comité de Regatas intentará dar o bucinazo de saída a un total de 15 probas no campo de regatas situado fronte á praia de Silgar. De todas as maneiras e por se as condicións non acompañan, a organización previu un segundo campo, situado fronte a Punta Cabicastro.
Ademais, o pasado sábado a última hora o Comité de Regatas decidía modificar a hora de inicio de competición e atrasalas ata as 13:00 horas xa que, segundo Fernando Giraldo, Oficial Principal do Turismo Rías Baixas Worlds: "En previsión dos partes e tendo en conta as condicións normais da zona, o vento entra a partir das 13:00 horas, así que se decidiu atrasar todas as xornadas a esa horas agás o último día".
O luns a frota escoitará o bucinazo de saída do Turismo Rías Baixas Worlds a partir das 13:00 horas. Por diante, toda unha semana de competición e é que non será ata o sábado, día 20, cando se coñezan os vencedores do Turismo Rías Baixas Worlds e novos campións do mundo de Vaurien.