Fredi Bea: "Este mes de xullo Pontevedra vai ser a capital do piragüismo en España"
Por Diego Espiño
Pontevedra e concretamente o embalse de Pontillón do Castro en Verducido converterase nun punto imprescindible para o piragüismo nacional.
Sen un só fin de semana libre a pista olímpica será sede este próximo fin de semana do Campionato Galego Infantil, en 10 días acollerá o Galego Absoluto en pista (13 de xullo) e os restantes fins de semana chegará a quenda das citas nacionais co Campionato de España Aboluto e Júnior (19, 20 e 21 de xullo) e o Campionato de España Promesas (27 e 28) para padexeiros en idade infantil e cadete.
Como recoñece o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea, "este mes de xullo Pontevedra vai ser a capital do piragüismo en España".
Para a organización destas probas a Federación recibirá 10.000 euros de axuda do Instituto Municipal de Deportes, ao que hai que sumar o convenio asinado este mércores co concello capitalino pola celebración da Copa España de 1.000 metros o pasado mes de abril e as dúas citas nacionais programadas para xullo por un total de 15.000 euros.
En todas estas citas espérase unha importante presenza de padexeiros. Segundo Bea, só no Nacional Promesas pódese estar falando de preto de 900 deportistas, pero tamén os campionatos autonómicos contan cunha cifra importante de participantes, como o Galego Infantil do próximo fin de semana, con 500 piragüistas de preto de 30 clubs de Galicia.
Esta importante participación foi resaltada tamén polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, quen fixa ademais estas competicións como preparación para para o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón que Pontevedra acollerá en 2016.