Raxó xuntará máis dun cento de nadadores na súa cuarta Travesía a Nado
Por Alejandro Espiño
Un total de 123 deportistas, a escasas horas de que peche o prazo de inscrición, confirmaron a súa presenza na cuarta edición da Travesía a Nado de Raxó, que se celebrará este domingo 4 de agosto a partir das once da mañá.
A proba, organizada polo Club Tríatlon Poio, partirá da praia de Xiorto e, tras percorrer uns 2.000 metros polo litoral costeiro da parroquia, os participantes chegarán á praia de Raxó. Todos eles deberán usar neopreno pola súa seguridade.
Entre os participantes, segundo os seus organizadores, atópase un triplo campión do mundo, o atleta paralímpico Dani Molina.
O interese do madrileño levou ao Club Tríatlon Poio a expor a posibilidade de contar cunha proba con deportistas con discapacidade a partir do próximo ano. Tamén se contemplará crear unha categoría de relevos mixtos.
Ademais da proba absoluta, a Travesía a Nado contará con outras dúas carreiras para os atletas menores de idade.
Ás 12.30 horas, participarán os nenos e nenas nacidos entre 2007 e 2010, que percorrerán uns 150 metros na contorna do porto de Raxó; mentres que os nados entre 2002 e 2006 farán 500 metros desde as 13.00 horas.
A edil de Deportes, Marga Caldas, destacou que o apoio a este tipo de eventos deportivos seguirá sendo "prioritario" no novo mandato, ao entender que "poñen en valor" o lugar no que se celebra e axuda a dinamizar a economía do municipio.