Marcos Vila e Bea Gómez Cortes impóñense na III Travesía a nado de Raxó
Aínda que non se chegou a alcanzar a cifra de inscritos na edición pasada, a III Travesía a nado Concello de Poio, celebrada na mañá deste domingo en Raxó, volveu ser un éxito, con 87 participantes na proba absoluta (2.000 metros), 16 en Menores A (150 metros) e 10 en menores B (500 metros). Nunha mañá ideal para a natación, os dous primeiros en completar o percorrido foron Marcos Vila Cid e Bea Gómez Cortés.
A proba absoluta, de 2.000 metros, comezou o seu percorrido en Xiorto, pasando por Sinás ata chegar á praia de Raxó e resultou moi disputada, decidíndose por unha curta marxe de sete segundos a favor de Marcos Vila (26:07), que se impuxo nun apertado final a Bea Gómez, que foi segunda absoluta e primeira na categoría feminina (26:14), entrando en terceira posición Adrián Bouza (26:22).
Esta terceira edición rexistrou a novidade de contar con cronometraxe electrónica, en tempo real, e tamén coa mellora dos premios, con traxes de neopreno para os vencedores masculino e feminino da proba, así como premios para o segundo e terceiro, ademais de para o nadador local mellor clasificado.
Os resultados completos da III Travesía a nado Concello de Poio pódense consultar nesta ligazón.
Terceira travesía a nado de Raxó
Na mañá deste domingo celebrouse a terceira edición da travesía a nado de Raxó. Nesta ocasión, a novidade chegou coa utilización de cronometraxe electrónica, en tempo real, e tamén coa mellora dos premios con traxes de neopreno para os vencedores
© Diego Torrado