Gómez Noya gana en Auckland pero quédase sen o título nas Series Mundiais de Triatlón
Por Redacción
Non puido ser. Javier Gómez Noya cumpriu coa súa parte impoñéndose na última cita das Series Mundiais de Triatlón disputada en Auckland, Nova Zelandia, pero o seu rival polo título, o británico Jonathan Brownlee, ao que lle abondaba con rematar en cuarta posición, chegou tras el conseguindo o seu primeiro entorchado mundial.
O triatleta ferrolano impúxose nun emocionante sprint final ao pequeno dos irmáns Brownlee, despois dunha carreira marcada polas duras condicións meteorolóxicas e na que Gómez Noya tivo que remontar tras saír do primeiro segmento, a natación, no posto 21 a 46 segundos dos líderes.
Outro galego, Iván Raña, tamén tivo unha gran actuación concluíndo en oitavo lugar tras ser protagonista durante gran parte da proba.
Coa cita de Auckland conclúe unha tempada internacional de triatlón na que Javier Gómez Noya logrou a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres e agora o subcampionato das Series Mundiais. O terceiro na clasificación foi finalmente o ruso Dmitry Polyanskiy, vencedor en Pontevedra na Copa de Europa de 2010.