A apnea española ten un dominador pontevedrés: Antonio García
Por Alejandro Espiño
Percorrer 214 metros baixo a auga e cunha única bocanada de aire. É a xesta que logrou o pontevedrés Antonio García Abilleira, que con esta espectacular marca proclamouse campión de España de apnea dinámica con monoaleta no torneo disputado na localidade catalá de Lloret de Mar.
Aos seus 46 anos, Antonio demostrou que segue nunha forma física envexable e con esta marca, lograda nunha piscina olímpica, pulveriza o récord galego da especialidade que el mesmo ostentaba desde hai máis de tres anos e, ata agora, fixado en 200 metros.
"Levaba moito tempo adestrando para isto", explica o deportista a PontevedraViva, que destacou que esta tempada as lesións respectaron o seu ritmo de preparación. A iso sumou o "tempo que quitei á familia" para poder alcanzar esta nova meta.
Antonio, ademais, celebra que en Lloret de Mar non lle traizoaran os nervios, xa que asegura que nesta especialidade "iso é moi importante" ante o risco de que "as cousas non vaian ben" na piscina.
Este plusmarquista pontevedrés ostenta ademais outros dous récords galegos, o de apnea dinámica con aletas, que el mesmo situou en 150 metros; e o de apnea estática, ao conseguir estar baixa a auga durante seis minutos e catro segundos.
É, por tanto, a persoa que acumula todos os récords galegos nesta especialidade deportiva na que empezou "moi tarde", hai apenas nove anos. Iso si, xa era experto mergullador, xa que se dedicaba á pesca submarina.
Tras un parón de varios anos, polo nacemento da súa filla, regresou á competición en 2017 e desde entón non parou de acumular medallas e marcas persoais. Entre elas, destaca os seus tres campionatos de España, os seus oito subcampionatos ou un sétimo posto no campionato do mundo de 2012.
Agora, o seu próximo reto deportivo levarao a Turquía, onde a finais de xuño disputará o próximo campionato de Europa co obxectivo de seguir "dando guerra" e superarse a si mesmo.
Relacionadas:
-
O Campionato de España de Apnea Indoor aterra no CGTD
Por Redacción |
-
Antonio García e Diego Calviño, medallistas que deixan sen respiración
Por Redacción |
-
Sotavento prepara o XXI campionato de pesca submarina
Por Manu Otero |
-
Recepción no Concello ao campión de España de apnea, Antonio García
-
Antonio García, un pontevedrés na elite da apnea nacional
Por Redacción |