Recepción no Concello ao campión de España de apnea, Antonio García
Tras proclamarse campión de España de apnea dinámica con aletas e conseguir ademais unha prata na modalidade sen aletas, cunha marca de 141,1 metros, o pontevedrés Antonio García atópase na elite nacional deste deporte, aos seus 44 anos.
Despois dun parón de tres anos polo nacemento da súa filla, Antonio decidiu retomar a súa actividade física en 2017, proclamándose Campión de Galicia nas tres modalidades de apnea: estática, con aletas e sen aletas. Posteriormente, no Campionato de España Indoor celebrado na Coruña, o pontevedrés decidiu probarse novamente e conseguía facerse co Campionato de España na modalidade con aletas. Fíxoo por diante de competidores máis novos e nun deporte moi duro que require dunha gran condición física.
O campión foi recibido este martes no Concello polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que quixo felicitalo pola súa fazaña. Aínda que os plans do campión eran representar a España no Europeo de Cagliari, celebrado en xuño de 2017, desgraciadamente caeu enfermo e iso impediulle acudir á cita internacional. Noutras ocasións lograra quedar sétimo do mundo nesta competición.
Agora está a tentar coller o ritmo de adestramento novamente, a pesar de que se lle presentou un problema recente: Antonio desenvolveu unha alerxia ao cloro que lle impediu exercitarse durante algún tempo. Afortunadamente, tras algúns problemas para adestrarse en Pontevedra, atopou unha piscina en Vigo de auga salgada, polo que poderá seguir preparándose para próximas competicións.