O CW Pontevedra, de novo campión da Liga Galega de waterpolo
Por Redacción
O título da Liga Galega de waterpolo, na súa categoría absoluta masculina, volve a Pontevedra. O CW Pontevedra proclamouse campión da 1ª División tras derrotar nun emocionante partido (13-12) ao CW Santiago.
Tras a vitoria no primeiro partido, disputado na piscina compostelá de Santa Isabel, os pontevedreses saíron sen presión neste segundo encontro, celebrado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.
O primeiro cuarto foi moi igualado, cun tira e afrouxa por parte de ambos os equipos, e terminou cun 3-3 no marcador. Tras a continuación, os composteláns marcaron un parcial de 0-3 e adiantáronse perigosamente, pero co apoio do público os locais lograron igualar o partido, situando o 7-7 no electrónico antes do descanso.
O empate mantívose no terceiro parcial, que terminou cun 10-10, o que deixou toda a emoción para o último cuarto. Os pontevedreses colocáronse por diante, 12-11, a falta de 3:23 para o final, pero o CW Santiago empatou de penalti un minuto despois.
A falta de 1:08, Bran conseguía romper a igualdade cun gol en xogada de superioridade. Durante un minuto de auténtico infarto, o CW Pontevedra soubo defender a súa vantaxe e adxudicarse o título galego con ese definitivo 13-12.
Este título é o cuarto para o CW Pontevedra nos seus vinte anos de historia.
Xogaron polo CW Pontevedra: J. Enrique, Lucas, Alex (5), Germán (2), Iago, Mauro, Ángel (1), José A., Eric, Aarón, Bran (2), Pablo T. (1) e Diego (2).
Polo CW Santiago: García, Chico, Nieto, Ferrer (1), Gómez (5), Piñeiro (1), Raposo (1), Caamaño (2), Suárez (1), Carro, Sampaño, Campaña e Antelo (1).
Parciais: 3-3, 4-4, 3-3, 3-2
Marcador final: 13-12
Relacionadas:
-
O Waterpolo Pontevedra comeza a pretemporada na praia
Por Manu Otero |
-
O CW Pontevedra celebra os seus vinte anos coa organización do campionato de España xuvenil
Por Manu Otero |
-
O equipo absoluto feminino do Waterpolo Pontevedra, campión da Copa Galega
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra alza a Copa Galega e consegue o seu segundo dobrete consecutivo
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra gaña a primeira batalla polo título galego
Por Redacción |