Puntuar en Valladolid, obxectivo do Teucro para manterse con opcións de permanencia
Por Diego Espiño
A 'operación remontada' da Sociedad Deportiva Teucro ten este sábado (20:00 horas) unha parada en "una pista dificilísima", asegura Luís Montes, a do Atlético Valladolid, oitavo clasificado da Liga Asobal.
Nas contas dos azuis, que recortaron a dous puntos a súa desvantaxe con respecto ao Cangas a catro xornadas para o final, faise necesario puntuar no pavillón Huerta del Rey antes de recibir no Municipal o campión Barcelona, para así chegar con todas as súas opcións intactas ao derbi contra os do Morrazo que pode resultar decisivo. Máis se cabe tendo en conta que o seu principal rival pola permanencia terá esta semana como opoñente a outro equipo da zona alta, o Ademar de León.
"Viajamos con la clara intención de luchar, de no bajar los brazas y seguir peleando hasta el final", defende Montes, quen asegura que o Valladolid "está haciendo una segunda vuelta espectacular".
Non en balde o cadro valisoletano chega á cita despois de tres vitorias consecutivas e coa meta de consolidarse entre os 8 primeiros para evitar as dúas primeiras roldas da Copa do Rei a próxima campaña.
A pesar diso o técnico teucrista é optimista asegurando que "también Cuenca venía en un grandísimo estado de forma y fuimos capaces de ganarles".
HORARIO UNIFICADO PARA AS DÚAS ÚLTIMAS XORNADAS
A Liga Asobal anunciou a unificación de horarios para as dúas últimas xornadas do campionato, nas que se se cumpren as contas dos pontevedreses estará en xogo a súa continuidade na máxima categoría.
Desta forma o decisivo e poida que dramático derbi provincial ante o Cangas no Gatañal xogarase o sábado 18 de maio ás 16:00 horas, mentres que a última xornada, na que o Benidorm visitará o Municipal, terá lugar o sábado 25 de maio ás 17:00 horas.