Ao Teucro volven saírlle as contas
Por Diego Espiño
O traballado triunfo da Sociedad Deportiva Teucro ante o Ciudad Encantada de Cuenca non só supuxo un balón de osíxeno para o plantel azul, senón que lle fixo recuperar a fe en lograr a permanencia na máxima categoría do balonmán nacional, a Liga Asobal.
De súpeto, a catro xornadas para o final da competición, as contas volven saírlle ao cadro dirixido por Luís Montes, sobre todo tras a derrota do seu principal rival, o Cangas, na cancha de Anaitasuna e tendo en conta que aínda debe xogarse o derbi entre ambos no que pode ser unha dramática penúltima xornada.
Cos últimos resultados, o Teucro colocouse con 13 puntos, a dous da salvación que marca precisamente o conxunto do Morrazo, aínda que para que esa brecha sexa de dúas e non de tres puntos pode resultar decisivo non só gañar o duelo directo, senón recuperar os 6 goles de diferenza que o Cangas conseguiu na primeira volta no Municipal e que poñen ao seu favor o average entre ambos.
Para os da capital provincial, o obxectivo pasa agora por chegar coas súas opcións intactas precisamente a esa penúltima xornada (25 de maio), cando xogarán no Gatañal.
Antes desa cita, o Teucro viaxará á cancha do Atlético Valladolid (sábado 4 de maio), oitavo clasificado, coa intención de rabuñar algún punto que lle manteña na pelexa, tendo en conta ademais que na mesma data o Cangas recibirá na súa pista a todo un Ademar León e o que vén a seguinte semana, cando chegará a visita do todopoderoso Barcelona, campión de liga, ao Municipal de Pontevedra, nun duelo case imposible para o equipo teucrista e que se xogará en horario adiantado o venres 10 de maio (19:00 horas). Esa xornada a completa o Granollers-Cangas.
Na penúltima data será a quenda do decisivo derbi, que dará paso a unha última xornada na casa para o Teucro, ante o Benidorm, e a domicilio para o Cangas, na pista dun Ángel Ximénez de Puente Genil que a día de hoxe aínda non está salvado pero que espera chegar á cita cos deberes feitos. Pode ser un final de liga non apto para cardíacos.
Relacionadas:
-
Puntuar en Valladolid, obxectivo do Teucro para manterse con opcións de permanencia
Por Diego Espiño |
-
O Teucro supera o Ciudad Encantada (32-30) e agárrase ás súas opcións de permanencia
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Teucro deixa escapar un punto de ouro ante o Alcobendas (28-28)
Por Sofía Lorenzo |