O #PonteEnMarcha2019 do Leis Pontevedra trasládase ao Pavillón Municipal pola choiva
Por Redacción
A iniciativa #PonteEnMarcha2019 organizada polo Leis Pontevedra co obxectivo de sensibilizar, visibilizar e dar voz a colectivos que apostan polo deporte como ferramenta efectiva pola inclusión social viuse afectada polas malas previsións meteorolóxicas da fin de semana.
A choiva obrigou a trasladar a actividade, pensada inicialmente como unha marcha popular de 5 quilómetros, ao interior do Pavillón Municipal dos Deportes.
Alí organizaranse diferentes actividades lúdico-deportivas a partir das 17:00 horas da tarde deste sábado 6 de abril, como zumba, obradoiros, deportes adaptados, xogos ou charlas, entre outras.
Na xornada está confirmada a presenza do máis de 1.000 participantes e 15 colectivos de carácter social.
O #PonteEnMarcha2019 prolongarase ata pasadas as 18:30 horas, cando está previsto que o Leis realice a foto oficial da tempada con todos os seus equipos.