O Leis Pontevedra quere reunir máis dun milleiro de participantes na xornada #PonteEnMarcha2019
Por Redacción
Sensibilizar, visibilizar e dar voz a colectivos que apostan polo deporte como ferramenta efectiva pola inclusión social. Ese é o obxectivo da iniciativa #PonteEnMarcha2019 organizada polo Leis Pontevedra.
A xornada desenvolverase o vindeiro sábado 6 de abril a partir das 17:00 horas, momento no que partirá desde o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra unha marcha popular de 5 quilómetros que percorrerá puntos como as marismas de Alba, as beiras do Lérez e a Zona Monumental ata concluír na céntrica Praza de España.
Nesta marcha participarán asociacións da provincia que utilizan o deporte adaptado como medio de inclusión, polo que o percorrido é adaptado ás súas necesidades.
Ata 15 asociacións de carácter social confirmaron xa a súa presenza, con preto de 850 participantes inscritos aínda que a previsión é poder superar o milleiro, xa que ademais da web do Leis Pontevedra será posible anotarse o mesmo día nos postos habilitados pola organización.
Para que a actividade supoña unha convivencia real, cada un dos equipos que conforman o Leis Pontevedra apadriñará a un colectivo participante, acompañándoo no transcurso da marcha.
Ao finalizar a ruta, o club aproveitará ademais a ocasión para realizar na Praza de España a foto oficial do club con todos os seus equipos.