O Arxil gaña a revancha ao Mataró e continúa ascendendo na táboa (84-87)
Por Sofía Lorenzo
As de Mayte Méndez pelexaron no primeiro partido da segunda fase de Liga Feminina 2 por superar ao Mataró. E, despois dun terceiro cuarto fantástico (15-25) e dúas prórrogas, conseguírono, gañando, ademais, o desquite ás catalás, que se levaron os dous puntos tras a visita (o pasado mes de outubro) ao CGTD. Así, o Arxil aumenta a súa mellor serie da tempada con 3 vitorias consecutivas, que o levan polo bo camiño cara á ansiada permanencia.
A primeira parte foi para as locais, que, apoiadas na súa afección, nas actuacións de Olga Ruano (27 ptos) e en diversos erros cometidos nun principio polas galegas, fóronse ao descanso con vantaxe (39-29). As visitantes, doutra banda, souberon recompoñerse e recortar distancias durante o segundo cuarto.
Non puido sentarlles mellor o paso polos vestiarios ás de Pontevedra, que, tirando de orgullo e afianzadas por Carla Fernández (22 ptos), lograron igualar o marcador no terceiro período (54-54). A partir dese momento, non había unha aposta segura. O triunfo puido quedarse na casa pero, despois da máis absoluta igualdade (os dous equipos empatados durante todo o cuarto definitivo) e dúas prórrogas igual de equilibradas, o Arxil conquistou o Eusebi Millán (84-87), alcanzando a súa cuarta vitoria no que vai de tempada.
Dous derbis serán as próximas citas ás que terán que plantarlle cara as pontevedresas. O primeiro, a próxima semana en casa ante o Celta Zorka, un dos seus rivais máis duros, e, posteriormente, o AD Cortegada, para o que contarán tamén co apoio da súa afección. As arxilistas, máis esperanzadas que nunca, tratarán de manter a súa boa dinámica e continuar escalando posicións.
Relacionadas:
-
A falta de gasolina no último cuarto condena o Arxil ante o Cortegada (60-72)
Por Sofía Lorenzo & Mónica Patxot |
-
Derbi de altura para o Arxil ante o líder invicto
Por Almu Dapena |
-
O Arxil vence o Cerdanyola e abandona os postos de descenso (47-65)
Por Sofía Lorenzo |
-
O CB Arxil despide o ano ao grande ante o Segle XXI (63-62)
Por Sofía Lorenzo |