O Torneo Internacional Cadete de Tenis de Sanxenxo chega ás súas roldas finais
Por Redacción
A undécima edición do Torneo Internacional Cadete de Tenis de Sanxenxo camiña cara ás súas roldas finais, e faino xa sen a principal representación local no cadro final, Sara Martínez.
A xogadora de Sanxenxo non puido coa rusa Kira Pavlova, quedando ás portas dos cuartos de final do torneo. Comezou con nervios o encontro, pero despois xogou un encontro de nivel deixando boas sensacións.
No cadro feminino continúa en competición a principal cabeza de serie, a serbia Fatma Idrizovic, tras derrotar á portuguesa María Santos, pero non así na competición masculina, que se quedou sen os a priori máximos favoritos ao título.
O que si segue con vida é David Cao, único galego que continúa no cadro tras vencer a Carlos Ramos e tras a derrota do pontevedrés Iago Domínguez ante o serbio Luka Jovanovic.
O XI Torneo Internacional Cadete de Sanxenxo seguirase celebrando ata o final da semana nas pistas do Círculo Cultural Deportivo.