O taekwondo pontevedrés estrea a súa tempada no Torneo Cidade de Ourense
Por Redacción
A tempada comezou con bo pé para o taekwondo pontevedrés no Torneo Internacional Cidade de Ourense celebrado o pasado sábado 22 de setembro.
Máis de 300 deportistas de España e Portugal déronse cita no torneo no Pazo de Deportes Paco Paz, nas categorías precadete, cadete, júnior, sénior e máster.
Entre eles estaban representantes dos clubs pontevedreses, como o Mace Sport que se proclamou campión da categoría pre-cadete ou o Suh Sport, campión júnior feminino e que acumulou un bo número de medallas, ata 19 (11 de ouro, 5 de prata e 3 de bronce).
Tras esta competición a tempada deportiva colle ritmo e xa espera o próximo fin de semana o Torneo de Moaña sen esquecer que o 3 e 4 de novembro celebrarase o Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, que este ano terá lugar no pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe.
Ademais, o Campionato de Europa que se celebrará entre o 29 de novembro e o 9 de decembro en Mariña D'Or aparece como unha cita marcada en vermello no calendario para o taekwondo pontevedrés no tramo final do ano.