Galicia, favorita no Campionato de España de Squash que comeza este venres en Pontemuíños
Por Diego Espiño
O Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuíños será escenario desde este venres 21 de setembro e ata o domingo 23 do Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Squash.
Os equipos de Galicia, tanto na categoría masculina como na feminina, aparecen como máximos candidatos ao título tras o ouro e a prata da pasada tempada. Farano ademais con todo un campión europeo como punta de lanza, o compostelán Borja Golán, que figura como gran atractivo do torneo ao ser pouco habitual verlle competir fóra do circuíto profesional.
"Estou encantado de estar aquí. Intentaremos dar o máximo e que o trofeo quede na casa", sinalou Golán na presentación do evento acompañado de autoridades como a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, ou a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro.
Tamén compareceron na presentación dous dos máximos expoñentes do Squash Pontevedra, a xogadora internacional Marta Domínguez ou o campión de España Pablo Quintana.
En Pontemuíños competirán polo Campionato de España os equipos de Galicia, Asturias, País Vasco, Andalucía, Castela-León, Madrid, Canarias, Castela A Mancha, Cantabria, Navarra, Valencia, Murcia e Cataluña.
A actividade competitiva comezará ás 18:45 horas do venres, tras un acto de presentación dos equipos na Avenida Montero Ríos, continuará o sábado entre as 10:00 e as 21:30 horas e finalizará o domingo coas finais feminina (10:00 horas) e masculina (11:00 horas).