Portonovo repite por terceiro ano como sede do Tríatlon Boamorte
Por Redacción
Por terceiro ano consecutivo a praia de Baltar, en Portonovo, será o centro do Tríatlon Boamorte, organizado polo Team Corbelo co apoio do Concello de Sanxenxo.
A proba deportiva desenvolverase durante a mañá do próximo domingo 16 de setembro, coa previsión de chegar aos 200 participantes.
Trátase dunha competición que se disputará novamente en distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pé) e sen drafting, é dicir, sen a posibilidade de ir a roda no tramo de ciclismo.
A saída darase ás 9:00 horas da mañá desde o areal de Baltar afrontando dúas voltas ao circuíto de natación, para despois continuar con dúas voltas ao percorrido ciclista pola estrada da costa (PO-308) ata a Lanzada e finalizar con 10.000 metros de carreira a pé pola zona do paseo de Baltar.
Entre os inscritos, na presentación da competición situaron aos vencedores do pasado ano, María Jesús Coya e Luismi Velásquez, xunto a triatletas como Cristóbal Dios, Diego Paz, Ramón Troncoso e Sonia Pariente.