Dúas de dúas para o Marcón, goleada do Villalonga e empates de Sanxenxo e Cambados
Por Redacción
Seis puntos de seis posibles. O Marcón Atlético comezou de maneira inmellorable a tempada e situouse como colíder no Grupo Sur de Preferente, ao ser xunto ao Pontellas os únicos equipos que fixeron pleno nas dúas primeiras xornadas.
Na segunda data ligueira, os de Borja Burgos estreábanse ante a súa afección e fixérono cun traballado triunfo ante o Valladares (2-1).
Daniel no minuto 21 poñía en vantaxe aos pontevedreses, que tras o descanso ampliaban a súa vantaxe por medio de Iván Paz. Parecía que o segundo gol encarrilaba o choque, pero só un par de minutos despois, no 55, o conxunto visitante recortaba distancias e devolvía a emoción e facendo sufrir á parrquia local ata o asubío final.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Valladares.
O Villalonga recuperou o sorriso despois do seu tropezo na primeira xornada grazas a unha goleada na casa ante o Unión Grove (4-0).
Diego Calo foi o gran protagonista da tarde no estadio de San Pedro. Seu foi o primeiro tanto do partido aos 5 minutos de xogo, e seus foron o segundo e terceiro gol do seu equipo xa na segunda metade que terminaban coa resistencia meca. Diego Álvarez no 85 redondeaba o marcador.
Con este resultado os celestes colócanse sextos con 3 puntos mentres que o Grove queda no posto 18 cun só punto.
Consulta a acta do Villalonga-Unión Grove.
O Juventud Cambados confirmou o seu bo inicio e colócase terceiro na táboa con 4 puntos despois de salvar un empate na casa ante o Barbadás (2-2).
Os amarelos víronse ata en dúas ocasións por detrás no marcador, pero seguiron pelexando para igualar o marcador. Os visitantes anotaron primeiro no 14, empatando só un minutos despois o cadro cambadés por medio Marcos Blanco. Despois, xa na segunda metade, o Barbadás volvería golpear e non foi ata os instantes finais cando os locais conseguiron o 2-2 definitivo cun penalti transformado por Rubén.
Consulta aquí a acta do Juventus Cambados-Barbadás.
Novo empate sen goles para o Xuventú Sanxenxo, o segundo en dúas xornadas, esta vez en casa ante o Moaña, que lle deixa con dous puntos no posto 15 da táboa (consulta a acta do Sanxenxo-Moaña).
O Amanecer caeu goleado no seu campo ante o Bande (0-3) nun duelo con polémica marcado polas expulsións locais na segunda metade e que resultaron decisivas (consulta a acta do Amanecer-Bande), mentres que pechou a xornada a derrota do Beluso ante o Cultural Areas (0-1) nun duelo decidido polo soltario gol de Pereira no minuto 54 para os visitantes e que deixa aos de Bueu novenos con tres puntos (consulta a acta do Beluso-Areas).