A liga comeza con triunfo para Marcón, Cambados, Amanecer e Beluso
Por Redacción
A tempada en Preferente comezou para bo pé para o Marcón Atlético, que conseguiu o seus primeiros tres puntos do curso ao vencer a domicilio o Cultural Areas (0-1).
Os de Borja Burgos protagonizaron un encontro serio e no que cometeron poucos erros poñéndolle as cousas difíciles ao seu rival.
O marcador non se moveu ata os instantes finais, cando Valiñas logrou o único tanto do encontro a falta de 9 minutos. Pouco despois os pontevedreses quedaron cun home menos pola expulsión de Iván Mallo, pero os locais non lograron igualar a contenda.
Consulta a acta de Cultural Areas-Marcón Atlético.
Tampouco puido ser mellor a estrea na categoría para o Juventud Cambados, que superou tamén fóra de casa o SD Bande (0-2).
Os amarelos cimentaron o seu triunfo nunha boa primeira metade e no acerto de Machu, autor dos dous goles no minuto 4 e no 38.
Consulta a acta do SD Bande-Juventud Cambados.
Outro equipo que comezou co pé bo a competición foi o Beluso, gañador do seu enfrontamento a domicilio ante o Atios (1-2).
Os de Bueu adiantáronse xa no primeiro minuto de xogo por medio de Roberto Pastoriza, pero nun duelo moi disputado non lograron sentenciar ata o tramo final, cando no 85 Richi facía o segundo. Os locais recortaron distancias no último minuto, pero xa sen tempo para máis.
Consulta a acta do UD Atios-Beluso.
A cuarta vitoria da xornada sumouna o debutante Amanecer no campo do Valladares (0-1).
O cadro meco fixo valer o gol de Augusto ao fío do descanso para levar tres valiosos puntos e comezar con ánimo a tempada.
Consulta a acta do Valladares-Amanecer.
Non lle foron tan ben as cousas na primeira data da competición regular a Xuventú Sanxenxo e Unión Grove, aínda que ambos os dous equipos sumaron un punto ante rivais de nivel. O Sanxenxo empatou sen goles no campo do Barbadás (consulta aquí a acta) e o Unión Grove fixo o propio na casa ante o Estradense (consulta aquí a acta).
O resultado negativo foi odo Villalonga, ao perder en Moaña (2-1) nun encontro que se decidiu na segunda metade. Os locais anotaron dous goles no 52 e 66 que poñían case imposible sacar un bo resultado, aínda que os celestes seguírono tentando e chegaron a recortar distancias por medio de Adrián Santos.