Acento pontevedrés na convocatoria nacional para o Campionato do Mundo de Piragüismo
Por Redacción
A Real Federación Española de Piragüismo publicou a convocatoria oficial para o próximo Campionato do Mundo de Sprint que se disputará en Montemor O Velho (Portugal) do 22 ao 26 de agosto, unha lista que ten un importante acento pontevedrés.
A falta de completar as últimas prazas do equipo nacional nos controis previstos de K-1 500, K-4 1.000, C-4 500 masculinos e K-2 1.000 feminino, o piragüismo da comarca estará amplamente representado. Contará ademais nalgún caso con aspiracións de pelexar polos postos de podio.
É o caso da canoa masculina, onde Adrián Sieiro e Sergio Vallejo (Piragüismo Poio), bronce no último Europeo, competirán nas distancias de de 500 e de 1.000 metros coa súa embarcación dobre.
Tamén na canoa estará en Portugal a pontevedresa Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra), inscrita nos 200 metros individual e tamén no C-2 200 xunto a María Pérez (Náutico O Muíño), mentres que Carolina García (Ciudad de Pontevedra) tomará parte no K-2 200 xunto a Aida Bauza.
O Breogán do Grove contará pola súa banda coa participación de Tono Campos no C-1 5.000 metros e de Natalia García no K-2 500 metros, no que formará equipo con Laia Pelachs.
Todo sen esquecer os cangueses Teresa Portela ( K-1 200 metros) e Rodrigo Germade ( K-4 500) nun equipo con tres campións olímpicos como son Saúl Craviotto, Marcus Walz e o galego Cristian Toro.
Relacionadas:
-
A armada pontevedresa, ao asalto do Mundial de piragüismo en Portugal
Por Redacción |
-
O Ciudad de Pontevedra finaliza en cuarto posto no Nacional de Novas Promesas de piragüismo
Por Redacción |
-
Manuel Fontán queda ás portas do podio no Mundial Júnior de piragüismo
Por Redacción |
-
O piragüismo pontevedrés, protagonista na casa no Campionato de España Sprint
Por Redacción |