Máis de 380 atletas participan na XI edición da Carreira Pedestre de Campañó
Por Diego Torrado & Redacción
Numeroso público achegouse ata a parroquia de Campañó para seguir a evolución da Carreira Pedestre que se iniciaba ás 17.40 horas deste sábado 26 coa participación dos máis novos en distintas categorías. 386 atletas de diferentes idades inscribíronse para esta competición que chega xa á súa undécima edición.
A proba absoluta disputábase nun circuíto duro para os participantes e a vitoria lográbaa Antonio Serrat do Club Deportivo San Paio da Estrada. O segundo posto foi para Alejandro Fernández do Club Ourense Atletismo e a terceira posición obtívoa Brais Canosa, do Club Atletismo Fene. O deportista de Poio, Cristian Fernández lograba a cuarta praza.
Na categoría feminina, a vitoria foi para a pontevedresa Edymar Brea, corredora sub 23 e Leticia Fernández, da asociación deportiva atlética do Sil obtiña o segundo posto. As clasificacións definitivas poden consultarse neste enlace.
A principal novidade deste ano centrouse nunha competición de substitucións por equipos de tres corredores. Cada un dos atletas tiña que superar unha distancia de 2.900 metros.
Todos os participantes levaron unha camiseta de agasallo nesta proba organizada pola Asociación Cultural de Campañó.