O Beluso vence o Unión Grove e salva unha mala xornada na Preferente
Por Redacción
Mala xornada no Grupo Sur de Preferente para os equipos da comarca, empezando por un Marcón Atlético que saíu goleado da súa visita ao líder Estradense (4-0).
Non competiu mal o cadro pontevedrés, ata que o fío do descanso Jorge Casal fixo o primeiro tanto para os locais. O xogador dos da Estrada repetiu en dúas ocasións máis á volta de vestiarios e co seu triplete deixou o choque visto para sentenza.
Pouco máis puido facer o Marcón, que nos minutos finais viu como se completaba a goleada sen máis capacidade para a reacción.
Coa derrota os de Borja Burgos ceden un posto na táboa e colócanse décimo cuartos con 35 puntos.
Consulta a acta do Estradense-Marcón Atlético.
Un gol no tempo do desconto decidiu un apertado duelo entre Beluso e Unión Grove (2-1).
Os de Bueu foron os únicos da comarca que lograron os tres puntos nun duelo que dominaron durante moitos minutos, desde o gol de Richi no 13.
O Grove non se rendeu e nos últimos minutos, co Beluso en inferioridade numérica, logrou empatar por medio de Manu Freire no minuto 88. Só restaban dous minutos máis o desconto e os locais xogaban cun home menos, pero tiraron de épica para facerse coa vitoria no engadido cun gol de Rodrigo Aguín.
Co triunfo o Beluso colócase con 46 puntos na novena posición, mentres que o Unión Grove encadea a súa terceira derrota consecutiva e é oitavo con 49 puntos.
Consulta a acta do Beluso-Unión Grove.
Oportunidade perdida para o Xuventú Sanxenxo para achegarse á zona de ascenso, que agora se afasta tras perder en Baltar de Arriba ante o segundo clasificado, o Moaña (1-4).
Os amarelos adiantáronse no marcador aos 10 minutos cun tanto de Aitor Gómez. Todo empezaba a pedir de boca, pero o Moaña ao fío da media hora neutralizaba a vantaxe.
Xa na segunda metade o cadro visitante fixo gala da súa pegada para decidir o encontro en apenas 10 minutos, con goles entre os minutos 65 e 75 de xogo.
A segunda derrota consecutiva dos de Baltar de Arriba failles quedar no sétimo lugar con 54 puntos, a 7 do ascenso.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Moaña.
Rompeu a súa serie de derrotas o Campo Lameiro, pero o seu empate ante un rival directo pola permanencia como o Alertanavia (1-1) non soluciona os problemas dun equipo que segue ameazado polas prazas de posible arrastre a final de tempada.
Os verdes fixeron o máis difícil ao poñerse en vantaxe á media hora de xogo por medio de Fran Galdames. Despois tentaron conservar o resultado e parecían telo preto coa expulsión dun futbolista local, pero a falta de 13 minutos o Alertanavia fixo o definitivo 1-1.
Tras o empate o Campo Lameiro segue no décimo quinto posto con 32 puntos.