Conxura granate para superar á Ponferradina e saír de postos de descenso
Por Diego Espiño
Despois da paréntese vivida entre semana co seu pase á final da Copa Federación, o Pontevedra regresa á realidade ligueira aburado pola necesidade de puntuar para escapar dos postos de descenso.
Faino ademais cun dos encontros marcados en vermello de aquí a final de tempada, recibindo este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón a un rival directo pola permanencia, unha Ponferradina que tamén aspiraba a máis ao comezo de curso pero que suma 35 puntos en liga, 5 por encima dos granates.
O cadro berciano, cunha traxectoria similar á do Pontevedra, pasa por ser o segundo peor visitante de grupo (8 puntos) só superado polo propio equipo da Boa Vila (6 puntos). Con todo manteñen a súa categoría de equipo de "mucha calidad", avisa Luismi, composto por futbolistas con gran cartel en Segunda B e mesmo categorías superiores.
O plan do técnico granate é "hacérselo pasar mal sin balón", explica, e sobre todo canalizar positivamente a motivación que asegura ver no plantel.
Un aspecto que espera tamén marque a diferenza é o ambiente de Pasarón. Adestrador, plantel e club piden á afección "que vaya cogiendo ambiente de que cada partido es una final" e acuda en número ao Estadio Municipal de Pasarón, verbaliza Luismi, porque "cuando vienen fastidiadas es cuando más hay que estar con el equipo".
Para conseguilo desde a entidade confían na rebaixa nos prezos das entradas para aumentar considerablemente a asistencia ao estadio.
"Nos estamos jugando todos muchísimo y va a ser un partido a cara de perro", recoñece tamén Nacho López. Os problemas físicos do lateral foron un dos focos de atención durante a semana e finalmente non podrá xogar. Ademais Jimmy segue sen estar dispoñible por lesión mentres que Berrocal e Adrián León son baixa por sanción.
Deste xeito, o técnico granate vese obrigado a tirar da canteira, incluíndo na lista ata a cinco xogadores do filial e do xuvenil, como Lezcano, Pacheco, Juan Barbeito, Jesús Barbeito e Josiño. Con eles Luismi conta con 16 xogadores do primeiro equipo: Edu, Anxo, David Castro, Darío Flores, Goldar, Prosi, Kevin Presa, Jorge, Mouriño, Álex Fernández, Marcos Álvarez, Álex González, David Añón, Pibe, Éder e Iván Martín, co que deberá descartar tres antes do partido.
O colexiado do encontro será o madrileño Roberto Carralero Calvo.
O PARTIDO ANTE O TALAVERA, EN XOVES SANTO
Noutra orde de cousas, o Pontevedra acordou co Talavera adiantar o encontro que enfrontará a ambos na xornada 32 do campionato ligueiro, choque que se disputará en Pasarón o día 29 de marzo, Xoves Santo, ás 17:00 horas.
Desta forma os granates contarán cun calendario menos apertado xa que o mércores 4 de abril afrontarán en Ontinyent (19:00 horas) a ida da final de Copa Federación. O partido de volta en Pasarón adiantarase tamén ao mércores 11 de abril, nun horario aínda por confirmar.
Relacionadas:
-
Punto con bo sabor do Pontevedra ante a Ponferradina (2-2) tras remontar por dúas veces
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
A final de Copa Federación espera o Pontevedra tras empatar en Sagunto (1-1)
Por Redacción |
-
Ante a Ponferradina, prezos populares para aumentar a asistencia a Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Empate xusto pero insuficiente para Coruxo e Pontevedra (1-1)
Por Ramiro Espiño |