O árbitro do Pontevedra-Castilla expulsa... os recollepelotas!
Por Diego Espiño
Este domingo viviuse unha situación insólita no Estadio Municipal de Pasarón, no transcurso do partido entre Pontevedra e Real Madrid Castilla, que os granates venceron por dous goles a cero.
Poucos repararon na ausencia dos recollepelotas nos minutos finais do choque, aínda que esa situación non se debeu a unha artimaña do club granate para perder tempo, senón a unha decisión do colexiado do encontro.
Segundo reflectiu no acta arbitral o castelán-leonés Alfonso Vicente del Moral, no minuto 71 do partido dirixiuse ao delegado de campo para solicitarlle que retirase do perímetro do terreo de xogo os mozos da canteira que exercen o labor de recollepelotas "debido a que non estaban a cumprir o seu labor adecuadamente".
Ao quedar reflectida esta circunstancia no acta, será valorada na próxima reunión do Comité de Competición, polo que o Pontevedra queda exposto a unha posible sanción por parte do órgano reitor da Real Federación Española de Fútbol.