A Majadahonda sen Añón e a pola cuarta consecutiva
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol viaxa a Madrid coa intención de prolongar o seu bo momento de resultados encadeando a que sería a súa cuarta vitoria consecutiva na liga.
Os granates visitan este domingo (12:00 horas) o Cerro do Espino para medirse ao Rayo Majadahonda, sexto clasificado con 13 puntos.
Hai dúas tempadas que o Pontevedra non logra dous triunfos consecutivos fóra da casa e enlazar ata catro xornadas gañando, algo que podería conseguir esta fin de semana confirmado a súa progresión no último mes de competición.
Luisito puido traballar durante a semana coa maior parte do persoal, pero contará coa importante baixa de David Añón. O pichichi do equipo non se recuperou dun golpe sufrido na última xornada e quedou fóra da convocatoria xunto ao tamén lesionado Jimmy e xunto a Álex Fernández, no seu caso por decisión técnica.
Desta forma a convocatoria de 18 futbolistas compóñena: Edu, Anxo, Miguel, Goldar, Bruno, Álex González, Adrián León, Jorge Hernández, Mongil, Berrocal, Marcos Álvarez, Carlos Ramos, Iván Martín, Mouriño, Kevin, Etxániz, Prosi e David Castro.
Rayo Majadahonda e Pontevedra non coinciden en liga desde a campaña 97-98, un equipo madrileño que a pasada campaña disputou o play-off de ascenso a Segunda División e que chega á cita tamén en bo momento, despois de tres xornadas sen perder.
Con todo, o Rayo mostrouse irregular no seu estadio, no que gañou dous partidos e perdeu outros dous, curiosamente ante equipos galegos como o Coruxo (1-2) e o Fabril (0-1).
O colexiado do encontro será o tinerfeño Alexander González González.
Relacionadas:
-
Os partidos mañaneiros atragántanselle a un Pontevedra que volve ás andadas (2-0) en Majadahonda
Por Redacción |
-
A melloría defensiva, clave na reacción do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O árbitro do Pontevedra-Castilla expulsa... os recollepelotas!
Por Diego Espiño |
-
Segue crecendo o Pontevedra á conta do Real Madrid Castilla (2-0) nun partido brillante dos granates
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |