Acéndense as alarmas no Pontevedra xuvenil que volve picar na casa e non pasa do empate ante o CD Roces
Por Ramiro Espiño
Mal pintan as cousas para o Pontevedra xuvenil de cara ao seu obxectivo de salvar a categoría na División de Honra. Cuarto partido no seu feudo e cuarto empate consecutivo, nesta ocasión fronte a un dos rivais directos pola permanencia o conxunto gijonés do C.D. Roces. O resultado final de empate a dous goles afunde aínda máis aos pontevedreses nos postos de descenso, ao non ter logrado aínda nin unha sóla vitoria nesta tempada.
Pero con ser malo o resultado, peores foron as sensacións. Nin sequera o concurso de Tomás e Buba, habitualmente co primeiro equipo e que foron aliñados para intentar mellorar o rendemento do conxunto, serviu para que o Pontevedra dominase o partido, dando sempre a sensación de estar un pouco a mercéde do que o rival podía facer. Ademais, a posición de determinados xogadores como Emilio, que empezou pegado á banda dereita para ir cambiando ata rematar desnortado, resulta difícil de entender, máxime cando o equipo adoeceu en todo momento dun centro do campo consistente, ademais dunha defensa excesivamente vulnerable.
Toque de atención igualmente para os dous "reforzos", que veñen actuando co primeiro equipo e que non deixaron en ningún momento a sensación de estar por enriba dos seus compañeiros. O certo é que os granates apenas tiraron a gol nin crearon perigo máis que nos minutos finais e aínda entón, máis por corazón que por xogo.
O equipo local foi sempre a remolque no marcador e deixou ver unha alarmante debilidade defensiva
Os asturianos foron sempre por diante, marcando o ritmo sen angustias, e mesmo puideron sentenciar cando co marcador favorable 1-2 dispuxeron dunha ocasión clamorosa para facer o terceiro, pero Fran estrelou o balón no corpo de Lucas. O Pontevedra, que empatara na primeira parte no seu único disparo a porta, iso si, precioso, por medio de Kike, lograba a igualada definitiva ao rematar de cabeza Marou á saída dun corner. Entre medias, nada de nada. Deste Pontevedra ao da tempada pasada vai un verdadeiro abismo, non só en xogo, se non tamén (e iso é aínda máis preocupante) en traballo colectivo, técnico e táctico.
Hai tempo, pero conviría non esquecer o que custou chegar á División de Honra xuvenil e o importante que é para o club e para a formación de xogadores conseguir a permanencia.
PONTEVEDRA, C.F.: Lucas; Dani, Marou, Yago, Javi; Jaime (Nico, min. 68), Tomás (Joni, min. 82); Emilio, Pibe, Kike (Dani Muradás, min. 72); Buba (Cristian, min. 85).
C.D. ROCES: Oleg; Cristian, Diego, Pablo, Celorio; Lastra (Mario, min. 62), Berto; Fran (Teté, min. 84), Omar, Borja; Allyson (Wilmer, min. 72).
Árbitro: Antonio Loira (Pontevedra). Expulsou por dobre amoestación a Marou (min. 86). Amoestou a Pibe e Borja.
Goles: (0-1) Minuto 9: Allyson. (1-1) Minuto 11: Kike. (1-2) Minuto 68: Cristian. (2-2) Minuto 76: Marou.
Incidencias: Sintético da Xunqueira. Ao redor de 150 espectadores.