O TKDay, un "día incrible" de taekwondo en Caldas de Reis
Por Redacción
Unha festa para todo o taekwondo de base galego. Así foi o TKDay organizado o pasado sábado 20 de maio en Caldas de Reis, na que este deporte serviu de escusa para que nenos e nenas gozasen dunha xornada de convivencia, xogos e deporte.
A deportista internacional Lúa Piñeiro, natural desta localidade pontevedresa, foi a cara visible da organización, mostrándose moi satisfeita co resultado final.
"O día foi incrible, o tempo acompañounos, os adestramentos estiveron a un altísimo nivel e os nenos cumpriron as dúas únicas normas que puxemos, portarse ben e pasalo ben", recoñeceu.
Os adestradores, todos eles medallistas internacionais, impartiron dúas sesións de adestramento conxuntas, todo iso acompañado con xogos populares, inchables e ata unha procura do tesouro.