Poio Pescamar ofrece aos seus o título da Copa Xunta cun triunfo sobre UCAM Murcia (3-2)
Por Redacción
Custou máis do previsto, especialmente polas numerosas ocasións de gol desperdiciadas, pero o Poio Pescamar puido celebrar ante os seus o flamante título de campión da Copa Xunta, cun apertado e xusto triunfo sobre UCAM Murcia, co que ademais certifica tamén por dereito propio a súa clasificación para a Copa de España, da que é organizador.
As mozas de Marcio Santos aproveitan de paso a derrota de Burela, para situarse a só dous puntos do cuarto posto, con dúas xornadas por disputar.
O partido comezou con certa falta de intensidade por parte de ambos os equipos que tardaron en asentarse, o que se traduciu en escaso ritmo de xogo. Aos dez minutos, a UCAM adiantábase por mediación de Rocío, resolvendo desde a zona de pivote unha boa triangulación ofensiva, pero tres minutos máis tarde, Ceci, en xogada elaborada á saída da presión, a pase de Jessy, lograba empatar.
Os últimos minutos antes do descanso viron como de novo as visitantes adiantábanse cando Sara Santos aproveitaba un balón rexeitado en curto por Silvia, pero de novo a resposta local non se fixo esperar e Jenny a pase de Ceci superaba no un contra un a Irene para deixar o empate a dous.
Na segunda parte, o Poio optou por realizar presión moi arriba, empezando a xerar un elevado número de ocasións que non concretou, aínda que tamén as murcianas tiveron un par de boas ocasións que salvou Silvia.
Así se chegou á recta final do partido, cando a catro minutos do final, Ale de Paz anotaba un penalti cometido sobre Jenny para facer o 3-2 que obrigaba á UCAM a optar polo xogo de cinco. A pesar da intensidade das murcianas nos compases finais nada puideron facer para evitar a derrota.
POIO PESCAMAR (3): Silvia; Jenny, Ceci, Ale de Paz e Jessy (quinteto inicial). Tamén xogaron, Patri, Charo e Yolanda.
UCAM MURCIA (2): Irene; Rocío, Claudia, Sara Santos e Cristina (quinteto inicial). Tamén xogaron, Sara Expósito, Weckerle, Jacob e Julia.
Árbitros: Jorge Otero e Xurxo García (Pontevedra). Amoestaron a Jenny no Poio Pescamar e a Julia na UCAM El Pozo Murcia.
Goles: (0-1) Minuto 10: Rocío. (1-1) Minuto 13: Ceci. (1-2) Minuto 17: Sara Santos. (2-2) Minuto 17: Jenny. (3-2) Minuto 36: Ale de Paz, de penalti.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 200 espectadores.
Relacionadas:
-
Peche ligueiro para o Poio Pescamar coa vista posta na Copa de España
Por Redacción |
-
Os abonos para a Copa de España de fútbol sala custarán 18 euros
Por Diego Espiño |
-
O descendido Rubí sorprende (3-1) a un Poio Pescamar que se despide da cuarta praza
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar non pasa do empate en Majadahonda (3-3)
Por Redacción |
-
Sprint final do Poio Pescamar cara á cuarta praza
Por Redacción |